Alumnos do Mato Vizoso visitan o Parlamento de Galicia

TerraChaXa
Un total de 3.
matovizoso
11 Xuño 2018

Un total de 3.000 alumnos e alumnas, matriculados en 88 centros públicos da Comunidade Autónoma visitaron o Parlamento de Galicia e a Xunta no marco do programa “Coñece as túas institucións”, posto en marcha a mediados de marzo deste ano.

A elevada participación rexistrada durante estes tres meses revela a excepcional acollida desta proposta entre a comunidade educativa á que vai dirixida.

Na derradeira xornada do programa “Coñece as túas institucións” deste curso escolar destacaron as visitas do IES Salvador de Madariaga (A Coruña); o CEIP A Ponte (Ourense); o IES As Barxas (Moaña); e o CEIP M. Mato Vizoso (Vilalba).

“Coñece as túas institucións” foi impulsado polo Parlamento e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para divulgar o papel das institucións autonómicas, explicar a separación de poderes e impulsar os valores democráticos. Está dirixido a escolares de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos da Comunidade Autónoma. Os custes do desprazamento son asumidos polas institucións promotoras.

Este programa de visitas volverá ofertarse no vindeiro curso escolar. De feito, os centros interesados en participar xa o poden solicitar a través da web do Parlamento de Galicia (http://www.parlamento.gal/AsTuasInstitucions/).

Antes de participar na visita guiada ao Parlamento e á Xunta, o alumnado deberá ter participado nun programa didáctico na aula, a partir os materiais educativos facilitados polas institucións. Neste sentido, o Parlamento ofrece, na súa páxina web, unha Guía para o Profesorado a un Caderno de traballo para o alumnado, con contidos e propostas didácticas diversas, acordes cos diferentes niveis educativos.

Esta iniciativa enmárcase na aposta do presidente do Parlamento por incrementar a apertura da institución desde unha dobre estratexia: impulsar as visitas á sede da Cámara galega e multiplicar a presencia social do Parlamento para dalo a coñecer.

0.19993185997009