Alumnos dun curso de formación profesional realizan a limpeza do polígono de Vilalba
O Concello de Vilalba mantén un convenio con Estudios Rafer para que o alumnado que cursa o certificado de profesionalidade en Limpeza de espazos abertos e instalacións industriais desenvolva a súa formación práctica.
Grazas a este acordo unha quincena de alumnos e alumnas están nestes días levando a cabo unha limpeza das rúas no polígono industrial.
Entre as tarefas que realizan está a limpeza de beirarrúas, a recollida e reciclaxe de residuos e a limpeza de arquetas.
A alcaldesa, Marta Rouco, que visitou ao alumnado, salientou "a importancia destas labores no noso polígono, pois o actual contrato do lixo non inclúe a limpeza das rúas da zona industrial".
A formación está incluída no Programa Ecoemplea posto en marcha polo Instituto para a Transición Xusta dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno Central.