Alvariño faise co título de campión de España de arco recurvo en sala
Miguel Alvariño proclamouse campión de España de arco recurvo en sala esta fin de semana en Valladolid. O seteiro pontés fíxose co título tras remontar un 1-3 ante o júnior madrileño Andrés Temiño –que gañou na súa categoría– e resarcirse así da derrota na final da edición do ano pasado ante o seu compañeiro de selección española Pablo Acha.
Alvariño gañou con comodidade (6-0) as primeiras eliminatorias e remontou nas dúas decisivas. Así, en dezaseisavos superou ao vasco Hilario Hernández; en oitavos, ao balear Pere Cincunegui; e en cuartos, ao aragonés Diego Guillén. O seu compañeiro Daniel Castro pagou caro a súa viaxe a Las Vegas e caeu na rolda dos 32 mellores fronte ao vasco Yeray Ruiz de Azúa.
Alvariño acada así o título, por segundo ano consecutivo, na final do Campionato de España en sala.
Ademais, Alvariño, facendo equipo con Daniel Castro e co ferrolán Pablo Filgueira (Arco Ferrol), rozaron o podio na proba por equipos, pero primeiro caeron con Baleares no desempate (5-4) e, xa polo bronce, foron superados por Andalucía (6-0).
Moi preto dos postos de honra na proba absoluta de composto estivo Xaquín Mira (Sílex), que tras superar nas eliminatorias ao aragonés Matei Constantin (146-143) e ao vasco Vicente Riesco no desempate (143) viuse superado en cuartos por un só punto (148-147) ante o que sería campión, Teo Iglesias.
Ata oitavos chegou Pablo Filgueira na proba de recurvo júnior. Foi nesa rolda na que cedeu #ante Aitor Madejón, que acabaría colgándose o bronce. Ademais, Laura Matesanz, do Arco Narón, quedou apeada en dezaseisavos tras perder nun cruzamento moi axustado contra Sara Mena. Pedro Pina (Sílex) e Guillermo Rodríguez (Ferrol) tamén competiron neste campionato.