Álvaro Fraga: “Queremos que se fagan as cousas, danos igual quen as faga”

TerraChaXa
A Asociación de empresarios Sete Pontes de Vilalba é unha das máis numerosas da capital chairega, xa que acolle actualmente a 210 empresas.
aparcadoiro poligono vilalba ALVARO FRAGA
24 Oct 2021

A Asociación de empresarios Sete Pontes de Vilalba é unha das máis numerosas da capital chairega, xa que acolle actualmente a 210 empresas, tanto as pequenas como as grandes firmas da zona. Xunto ás empresas, a asociación cubre tamén a todos os seus traballadores, polo que Sete Pontes representa polo tanto ao 80% dos traballadores de Vilalba. Á fronte da mesma está Álvaro Fraga Castro como presidente, que fai un balance dos últimos anos do colectivo.

Cando e como se crea a asociación?

A asociación nace no 1991 constituíndose coma unha entidade sen ánimo de lucro, formada por persoas físicas e xurídicas, coa finalidade de realizar unha actividade colectiva e de forma estable. O noso osbxectivo principal é defender os intereses dos socios e asociados, representándoos ante a Administración pública e asesorándoos en todas aquelas facetas que necesiten. E si nós non podemos, pois buscamos quen o faga.

O que facemos é representar, xestionar os intereses dos empresarios asociados ante entidades públicas e privadas, representar e intervir nos convenios e confitos dos empresarios, si así o necesitan porque temos un convenio cun bufete de abogados. Tamén temos como función establecer e colaborar con organismos oficiais os servizos comúns para os asociados, como pode ser seguridade, formación ou actos; ou mesmo organizar actividades de carácter informativo e formativo en materias que lles facilite aos nosos socios o desenvolvemento das tarefas diarias.

Que actividades realizan durante o ano?

Temos moitísimas actividades. A nivel de comercio, por exemplo, organizamos a Feira de Oportunidades e o desfile, a campaña de nadal, a Noite Aberta, Comercio na Rúa, as distintas campañas da Federación de Comercio. En hostalaría temos as xornadas gastronómicas, os concursos de tapas; e en xeral a festa do polígono ou mesmo a gala de empresarios, que só se puido facer unha pola pandemia pero que a idea é continuar.

Cantos socios son?

Agora mesmo somos 210, dende pymes pequenas a outras de calado como poden ser Entrepinares ou Besnier. Si é certo que estas grandes empresas non dependen de nós porque teñen os seus propios gabinetes pero colaboraban con nós apoioando todo. Este volume tan alto de empresas supón englobar tamén a todos os traballadores o que nos convirte no núcleo de poboación máis importante da vila, xa que representamos a un 80% dos traballadores e empresas de Vilalba. As que non están moitas veces é por descoñecemento pero algo debemos estar facendo ben cando cada ano crecemos entre un 15% e un 20%. A xente realmente se asocia e se o fai é porque confía e ve que estás facendo un traballo positivo por todos eles.

Cales son as necesidades do empresariado?

Unha das cousas polas que levamos loitando tempo, que xa estaba enfocada de anos anteriores, e lle trasladamos ao novo equipo de Goberno, é que temos a nosa man tendida e teñen o noso apoio. O que necesitamos principalmente, e que tiña que estar xa desenvolvido, é unha parte importante da ampliación do polígono. Isto é fundamental e xa estaba enfocada e creo que dunha maneira acertada polos anteriores equipos de Goberno, xa que estaba previsto que fose o propio Concello quen executase esa ampliación, sen depender de terceiros, para abaratar os costes do solo e poder ofrecelo máis económico para atraer empresas. Ese é o enfoque que necesitamos, polo que hai que traballar. Igual temos que ceder terreo pero hai que buscar que se asenten as empresas para crear riqueza ao mesmo tempo. Nós como asociación, entendemos que as administracións públicas, neste caso o Concello, teñen que facer todo o posible para crear esa riqueza no pobo.

A nivel comercial, estamos traballando conxuntamente e día a día con todos e o que facemos é recoller as inquedanzas que teñen e traballar para levalas a cabo, non influímos en nada que eles non queiran. O que facemos é buscar recursos e poñelos a disposición dos socios. A nivel disto temos unha queixa importante, hai un convenio firmado e aprobado por todos os grupos políticos en pleno dende hai casi dous anos, que xa tiña que terse levado a cabo e polo que a asociación recibe 40.000 euros, o cal estamos esperando e mentres temos que poñer nós os cartos para levar a cabo as iniciativas.

Hai algunha interferencia política neste senso?

Nos partimos dunha premisa: Queremos que se fagan as cousas, danos igual quen as faga. Somos unha asociación totalmente apolítica, o que non se pode pretender é que cando un se queixa dunha cousa levalo ao tema político. Nós sempre lles tendimos a man a todos os grupos políticos, todos saben que esta é a súa casa e se a queren utilizar xa depende deles. Nese senso sempre lles traladamos nestes dous anos as mesmas inquedanzas, que son básicas para o funcionamento do polígono centradas no mantemento, melloras e limpeza, e nese sentido nós sentímos deixados porque os poucos servizos que tiñamos, como os aparcadoiros, foron sacados. Podemos entender que se saquen, pero antes hai que dar unha alternativa.

O último caso é máis doloroso. No aparcadoiro ao final da rúa Salgueiro, un terreo que é público e que ten sobre uns 10.000 metros cadrados, xente nada cívica tirou lixo alí. O que non pode facer o Concello é cortar o servizo por culpa desta xente. É un solo público que está dando un servizo e agora hai que ir ao Concello a pedir unhas chaves para abrir o candado e usalo. Son cousas absurdas coas que non estamos de acordo e solicitamos que se restablezca.
Tamén temos outra queixa porque aínda non se solicitou ante a Xunta, ou polo menos non se comunicou que se fixera, que Vilalba sexa un Concello Emprendedor, o que supón perder axudas para Vilalba. A asociación podería solicitar máis axudas das que pide pero non o pode facer porque están todas canalizadas a través dos concellos. Nese senso si que nos sentimos deixados. A Xunta si que é verdade que nos axuda no que pode pero ao final todo está pensado para que vaia canalizado así pero non podemos facer máis. É incrible que pase esto en Vilalba cun polígono e un sector empresarial dos máis fortes dentro da provincia.

Mantense unha situación tensa co Concello, entón.

E que non podemos cinguirnos a un tema político. Nós abrimos a man a todos e invitamos a todos a participar pero podemos falar por exemplo que solicitamos varias reunións co equipo de Goberno e tivemos unha en dous anos e se están tomando decisións todos os días que nos afectan sen consultarnos e nós somos os maiores coñecedores do polígono. Dá a impresión de que se están tomando decisións por desquite. Nós ofrecemos absolutamente todo e o único que recibimos son patadas. Si boas palabras pero as cousas non se fan. Fixemos unha enquisa polas empresas do polígono, a xente está en contra das actuacións do equipo de Goberno, pero non só falamos dos gobernantes, estamos falando de toda a Corporación, porque tanto ten culpa o que non fai como o que consinte. Non é unha maioría, ao final o que non pode ser é que uns polos outros a casa sen barrer. O que estamos esperando son actuacións.

O ano covid foi duro, sen dúbida, o retraso das axudas tamén foi criticado.

Foi duro, que dúbida cabe, para todos. A falta de axudas é unha máis. Parece que sempre se estean escudando en algo para non facer o traballo, que o problema sempre é dalguén menos dun mesmo. Cando as cousas dependen doutras administracións pois podemos entendelo pero neste caso non ten sentido, porque depende deles. Levamos dous anos escoitando “é que non hai” pero eso non é solución, queremos respostas, axilidade, que a xente funcione”.

E de cara ao futuro, teñen proxectos?

O tema do futuro é que temos que empezar a solucionar o presente antes. Non podemos pensar en traer empresas a Vilalba se non temos solo. Non se pode empezar a casa polo tellado. Primeiro temos que solucionar todo o que está mal antes de seguir avanzando. Primeiro hai solucionar os problemas do presente e despois empezaremos a traballar polo futuro. Si que temos perspectivas pero malamente podemos solucionar o que vén se non solucionamos o de hoxe.

alvaro fraga presidente sete pontes
aparcadoiro poligono vilalba 2
merca e gana comercio local vilalba sete pontes
cursos sete pontes
0.16734409332275