Amancio Prada será un dos pratos fortes da Feira do Grelo das Pontes
O Concello das Pontes anunciou unha das actuacións destacadas da Feira do Grelo, que terá lugar o domingo 11 de febreiro.
Trátase do concerto de Amancio Prada, que estará acompañado pola Rondalla Vila das Pontes. A actuación terá lugar baixo o título Libremente. 50 anos desde Vida e Morte.
A actuación será ás 19.00 horas, no auditorio Cine Alovi. As entradas xa están á venda na web do concello e tamén se venderán no auditorio unha hora antes da función.
Este compositor e cantautor leonés celebra con este concerto os 50 anos do seu primeiro disco, Vida e Morte, publicado en 1974. Desde aquelas foi distinguido con numerosos premios polas súas composicións vinculadas á literatura facendo un percorrido por toda a lírica peninsular, desde as cantigas dos primeiros trovadores.
Foi en Francia onde se publicou ese primeiro álbum, e a partir dese momento comezou unha longa etapa de produción de álbums, con numerosas actuacións por todo o mundo.