Ameijide asegura que a nave de Begonte é un desguace e vertedoiro

TerraChaXa
Pregunta a José Tomé “que consegue tendo todo ese material podrecendo dentro desa nave
visita-nave-begonte-pp
Visita á nave de Begonte
17 Jun 2024

Tras máis de seis meses de espera, os deputados do Grupo Provincial Popular accederon ás instalacións da nave que a Deputación de Lugo ten no polígono de Carral (Begonte), onde puideron comprobar que “PSOE e BNG montaron alí un desguace e un vertedoiro”.

Os deputados populares Antonio Ameijide e Armando Castosa visitaron estas instalacións, acompañados dunha funcionaria provincial, á que agradeceron “todas as explicacións facilitadas durante a visita” na que comprobaron “a gran cantidade de material que podería ser moi útil para moitos concellos que se está a perder alí tirado”.

A realidade é que “agora que por fin nos autorizaron a entrada semella que por fin van realizar un mínimo mantemento da parcela, como a propia Deputación lle esixe a calquera particular, así como o inventario de todo o que alí hai”.

Entre todo o material que alí hai tirado os deputados populares atoparon dous barcos, o catamarán afundido no río Miño, varias embarcacións de menor tamaño, os patíns que había dispoñibles para alugueiro na zona dos Robles, tres embarcacións pneumáticas, motores para embarcacións, varios pantaláns, lavadoras industriais, maquinaria de todo tipo como cortacéspedes, camións, tractores ou ferramentas para o esculpido e talla de pedra, elementos de xogo de parques infantís, elementos para a práctica do deporte, como canastras, as antigas cadeiras pregables do Pazo dos Deportes, sinalización do Camiño de Santiago, material de oficinae estatuas e tallas do famoso escultor Manuel Mallo.

O voceiro provincial popular Antonio Ameijide pregunta a José Tomé “que consegue tendo todo ese material podrecendo dentro desa nave, en lugar de poñelo en valor e todos aqueles elementos aínda útiles poñelos a disposición de calquera concello da provincia que o puidese precisar”.

Tamén lanzan outra pregunta tras realizar esta inspección das naves: “PSOE e BNG teñen pensado recuperar estas instalacións para dar servizo aos lucenses ou van seguir permitindo que tanto a nave como todo o material que alí hai tirado siga perdéndose?”.

Unha pregunta sobre a que Antonio Ameijide recorda que “anos atrás, cando a Deputación de Lugo tiña á fronte a un goberno do PP que se preocupaba por facer medrar economicamente á provincia, estas instalacións realizaban un gran traballo, xerando riqueza para a provincia, como puido ser con todas as pezas de cantería que se realizaron para a Sagrada Familia de Barcelona, entre outras funcións”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17719411849976