Ameijide reclama a Tomé que "poña freo aos caprichos e derroches" do alcalde de Pol

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Grueira leva tempo advertindo da situación económica do Concello cunha débeda que supera os 3,5 millóns de euros
ameijide-e-grueira-en-pol
10 Oct 2025

O PP advirte do papel “cómplice” do goberno provincial de PSOE e BNG co “despilfarro” do alcalde de Pol. “O goberno provincial está a rescatar a Lino Rodríguez que, coa súa mala xestión, levou ao Concello a unha situación de quebra absoluta”, segundo manifesta o portavoz provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide.

O popular subliña que “a Deputación de Lugo ten que colaborar con tódolos Concellos. Por suposto tamén co Concello de Pol e con calquera outro gobernado polo signo político que sexa”. Con todo, “o goberno provincial de PSOE e BNG debería ter en conta quen está a xestionar o Concello e a que dirixe o diñeiro público que debería empregar en pagar os gastos e servizos da súa competencia”.

Ameijide indica ademais que “a realidade do Concello de Pol reflíctese non só na documentación do propio Concello de Pol, senón tamén na da Deputación de Lugo” polo que “o goberno provincial de PSOE e BNG non pode alegar descoñecemento”.

“Unha cousa é colaborar co Concello e outra é ver como non é capaz nin de pagar gastos básicos porque dilapida millóns de euros en ocorrencias, caprichos e derroches”, manifesta. Segundo a documentación á que os deputados do Grupo Popular solicitaron acceso, o Concello pide colaboración á Deputación para gastos correntes coma: o cambio de aceite dun vehículo municipal, o arranxo dunha desbarbadora da brigada municipal, as camisetas dos traballadores, o combustible da calefacción ou o mantemento de calquera vehículo. “O alcalde de Pol está pedindo, incluso, cartos para pagar facturas telefónicas de 7 euros ou servizos que debe dende fai varios anos. Non ten diñeiro nin para pagar a ITV dos vehículos, mentres pon calefacción nas gradas do campo de fútbol”, engade.

O Partido Socialista, o presidente da institución provincial e a Deputación en xeral son coñecedores desta situación. Nese sentido, Ameijide incide en que “a entidade provincial debe colaborar, pero o goberno tamén ten que ver se a persoa que dirixe o Concello o leva cara a algún sitio ou só despilfarra sen xestionar os recursos para pagar o que lle corresponde”.

Os populares demandan “colaboración con igualdade de trato, pero tamén sentido común na xestión”, conclúe.

A portavoz municipal, Nicole Grueira, leva tempo advertindo da situación económica do Concello cunha débeda que supera os 3,5M€. A popular condena a xestión do alcalde que “gasta o diñeiro de todos nos seus caprichos” en lugar de “atender ás necesidades dos veciños e veciñas”.

⚙ Configurar cookies
0.058571100234985