Amigos da Feira organiza este domingo a Ruta do Azúmara e a proxección do documental 'Lévame a idea'

A asociación cultural Amigos da Feira organiza este domingo, 1 de xuño, unha nova edición da tradicional Ruta do Azúmara, coincidindo coa primeira feira do mes. A actividade consistirá nun percorrido a pé desde o Castro de Viladonga ata o Campo da Feira de Castro de Rei, completando a xornada cunha proposta audiovisual pola tarde.
A saída está prevista ás 10:00 da mañá, cun autobús de Autocares Darriba que levará ás persoas participantes desde o Campo da Feira ata o punto de inicio da ruta. Unha vez rematado o camiño, arredor das 13:00 horas, ofrecerase un aperitivo para recuperar forzas no propio Campo da Feira.
Xa pola tarde, ás 17:30, o Centro Cultural Xosé Manuel Carballo acollerá a proxección do documental Lévame a idea, unha peza audiovisual centrada no papel das mulleres na conservación da música e da cultura tradicional galega. Coincidindo coa dedicatoria das Letras Galegas á poesía oral tradicional, o documental propón unha mirada feminista e interxeracional sobre a transmisión da memoria colectiva. A obra recolle testemuñas de mulleres de diversos ámbitos —música, arte, investigación, divulgación ou antropoloxía— que comparten as súas reflexións sobre o valor da tradición oral galega.
O documental está producido por Navíos e Folerpas, e dirixido por Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso. Tanto a ruta como a proxección son de acceso libre e non requiren inscrición previa.