Amigos do Mupav, que cambia de directiva, solicita unha reunión do padroado

TerraChaXa
A asamblea a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba reuniuse no Centro Cultural Recreativo, por mor das malas condicións do edificio.
mupav vilalba
26 Out 2022

A asamblea a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba reuniuse no Centro Cultural Recreativo, por mor das malas condicións do edificio municipal no que se atopa o Mupav. Na reunión elixiuse unha nova xunta directiva para a Asociación con María Ladra e Manuel Roca como novos presidenta e vicepresidente.

Eduardo Ramil comunicounos a súa renuncia á dirección do Mupav debido "a imposibilidade de desempeñar dignamente o seu traballo e de garantir a conservación do patrimonio que garda o museo na situación actual da institución".

A Asociación de Amigos considera esta renuncia "unha perda moi importante para o Mupav dada a traxectoria académica e profesional de Eduardo e a súa vinculación ó museo desde os seus inicios".

"A súa marcha deixa o Mupav sen dirección e sen persoal técnico polo que non pode desempeñar a súas funcións principais. De manterse esta situación irregular, existe o risco de que as coleccións arqueolóxicas do museo sexan reubicadas definitivamente noutras institucións que dispoñan de técnicos e medios adecuados para a súa xestión, conservación e custodia. Por esta razón, urximos a alcaldesa Elba Veleiro a que reúna o padroado que ela mesma preside e subsane esta situación o antes posible", indican.

A asociación aprobou tamén unha listaxe de actividades que se desenvolverán no que resta de ano.

Entre as actividades programadas inclúese un acto de agradecemento e despedida a Eduardo Ramil. "Facemos extensiva a invitación a este acto, coma a calquera das outras actividades que organizamos, a todas as persoas que queiran unirse". Esta terá lugar o día 26 de novembro.

Pero ademais está previsto este sábado unha excursión á Pastoriza e o 12 e 13 de novembro un viaxe cultural a Braga. Xa en decembro farán outra excursión a Mugardos, concretamente o día 11.

0.18297505378723