Amigus Labs convoca un obradoiro de programación para o sábado

TerraChaXa
O colectivo pontés Amigus Labs organiza un novo taller co título Obradoiro de programación con Micro:Bit, que terá lugar este sábado
obradoiro programacion microbit aMIGUS
24 Ago 2022

O colectivo pontés Amigus Labs organiza un novo taller co título Obradoiro de programación con Micro:Bit, que terá lugar este sábado, 27 de agosto, de 10.00 a 13.00 horas nas instalacións da asociación, situadas na praza do Hospital, 14.

O obradoiro de programación con Micro:Bit é unha actividade para fomentar o interese e o achegamento dos nenos de maneira lúdica ao mundo da robótica e a programación, descubrindo a linguaxe en bloque, as matemáticas, a ciencia e a tecnoloxía de forma divertida e colaborativa.

BBC micro: bit é unha pequena tarxeta electrónica programable de 4×5 cm lanzada pola BBC británica no ano 2015 co obxectivo de que máis dun millón de nenos/as e mozos ingleses aprendesen a programar dunha forma fácil e divertida. No ano 2016 a Fundación Educativa Micro: Bit integrada por empresas como Amazon, Microsoft, Cisco ou Samsung, asumen este proxecto co propósito de promocionar a aprendizaxe da programación e a robótica entre os mozos a nivel mundial.

O obxetivo do obradoiro e iniciarse na construción de circuítos electrónicos que incorporan distintos compoñentes e controlar o seu funcionamento usando unha ferramenta de programación visual como MakeCode.

MakeCode é un sinxelo editor gráfico en liña moi potente que nos posibilita introducirnos no mundo da programación de forma intuitiva a través da linguaxe de programación visual ou de bloques, co que aprendemos a pensar como un programador.

A Asociación Informática Amigus proporcionará todo o material para realizar o obradoiro, ademais de ser gratuíto. As inscricións formalizaranse por orde de rexistro en amiguslabs.org.

0.19786286354065