Amplían a campaña de vacinación da gripe

TerraChaXa | AMariñaXa
Amplían a campaña de vacinación da gripe 2020 que se estenderá até o 16 de xaneiro de 2021 ou ata esgotar existencias
3 Xan 2021

A Dirección Xeral de Saúde Pública vén de acordar a prorroga da campaña de vacinación contra a gripe 2020 que se estenderá até o 16 de xaneiro de 2021, ou até esgotar as doses, co obxectivo de que se poidan vacinar contra esta infección todas aquelas persoas que aínda non o fixeron.

A ampliación da campaña está destinada tanto para aquelas persoas que pertencen ás poboacións nas que a vacinación contra a gripe está indicada, como para a restante poboación que desexe vacinarse.

A campaña de vacinación antigripal deste ano xa superou moitos dos obxectivos fixados para o exercicio 2020. Así, os datos actuais reflicten que o 76,32% do persoal sanitario xa se vacinou, resaltando o persoal médico co 77%, e o de enfermaría co 75,78%. No que atinxe as mulleres embarazadas, xa se superou o obxectivo fixado para esta campaña ao acadar o 63,66%.

Ademais, e respecto das persoas de 65 ou máis anos, na actualidade xa se vacinou o 71,38%. Neste último caso, cómpre subliñar que se incrementou en 11 puntos a cobertura respecto da campaña do ano pasado, acercándonos ao 75% marcado como obxectivo.

Protexerse fronte a gripe este ano ten unha especial relevancia debido a crise sanitaria provocada pola pandemia do virus Sars-Cov-2. Porén, e tendo en conta que en Galicia aínda non se detectaron virus gripais, e que no noso entorno a actividade gripal é moi baixa, Sanidade anima a poboación a vacinarse fronte a gripe nas vindeiras semanas.

0.19557690620422