Amplíase o prazo para as propostas de mascotas para a biblioteca de Guitiriz
O Concello de Guitiriz mantén aberta a convocatoria do concurso de deseño para escoller á mascota oficial da Biblioteca Pública Municipal. A proba consiste en deseñar un personaxe ao que lle encante vivir entre os libros e lle entusiasme a lectura, as viaxes e os misterios. Ademais, deberá representar e simbolizar o Concello.
No concurso teñen a posibilidade de participar os alumnos e alumnas dos centros educativos de Guitiriz, cun máximo de dúas ideas por persoa. As propostas poden presentarse baixo calquera técnica, tanto en pintura e collages como en programas de deseño gráfico ou fotografía. O traballo ten que entregarse en cartolina ou folio en formato vertical ou apaisado en tamaño A4 ou A5, dentro dun sobre pechado A4 coa seguinte identificación: Concurso Mascota Biblioteca, ademais doutro sobre cos datos do alumno (nome, apelidos e curso).
O xurado estará conformado por unha persoa representante da corporación municipal, unha persoa representante da Editorial Bolanda e unha persoa representante da Asociación de Hostalaría de Guitiriz.
O deseño gañador converterase na mascota oficial da biblioteca e ademais contará cun cheque regalo valorado en 40 euros para a compra de material escolar ou deportivo.
As inscricións para participar estarán abertas ata o 31 de decembro. Os sobres poden entregarse na Biblioteca Pública Municipal Casa Habanera.
O resultado final darase a coñecer o día 15 de decembro e os premios poderán declararse desertos se a calidade dos traballos o require.