Amuraxe organiza unha obra de teatro e a visita da Apalpadora a Xermade
A asociación de mulleres rurais de Xermade, Amuraxe, recupera a súa programación de Nadal e este ano organiza dúas actividades en colaboración coa área de cultura da Deputación Provincial de Lugo.
A primeira das propostas será este sábado, día 11, ás 17.00 horas no antigo sindicato, xunto á igrexa de Xermade, da man do grupo de teatro Axóuxeres de Vilaronte.
Trátase dun espectáculo de acceso libre e gratuíto ata completar aforo. Represéntase a obra Cousas de mulleres, unha peza de 90 minutos, dirixida ao público adulto que profunda na historia de tres mulleres ás que o destino une por casualidade e acaban convertidas en grandes amigas.
A segunda actividade terá lugar o día 29 e está pensada para o público infantil, aínda que aberta a todas as idades. Será ás 17.00 horas, tamén no local social, e consisitrá na visita da Apalpadora, a filla do Apalpador, que recolle a testemuña do seu pai para compartir algúns relatos sobre a vida na montaña ou as súas lendas.