Ana Ermida pide que se nomee Barreiros no proxecto Galicia Surfing

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A alcaldesa de Barreiros vén de remitir unha carta á directora xeral de turismo da Xunta trasladándolle o “disgusto” porque o material editado no proxecto Galicia Surfing obvia que unha das praias incluídas no top 16 se atopa en Barreiros, mencionándoa como “un gran areal entre Ribadeo e Foz”.
89262145_1541145706052202_8521573367076093952_o
16 Dec 2019

A alcaldesa de Barreiros vén de remitir unha carta á directora xeral de turismo da Xunta trasladándolle o “disgusto” porque o material editado no proxecto Galicia Surfing obvia que unha das praias incluídas no top 16 se atopa en Barreiros, mencionándoa como “un gran areal entre Ribadeo e Foz”.

A alcaldesa asegura na súa misiva que “como representante do Concello de Barreiros síntome honrada de ter un espazo no material editado sobre o mencionado programa, nomeadamente, incluíndo a praia de Oliñas como unha das destacadas a efectos da práctica do surf. Porén, gustaríame trasladarlle o meu disgusto por obviar a ubicación da praia de Oliñas en Barreiros e situala como “un gran areal entre Ribadeo e Foz”.

Ana Ermida asegura que o goberno municipal é “consciente de que a situación de Barreiros entre dous polos de atracción turística como son os municipios de Foz e Ribadeo é unha oportunidade”, pero consideran “pouco acertado non ter sequera mencionado o concello que acolle na súa xeografía dito areal.”

A alcaldesa fai fincapé en que “o feito de ser un concello de menor entidade poboacional que os seus veciños e con un menor impulso turístico neste momento xa dificulta de por si a propia promoción, polo que non podemos desde as institucións deixar pasar as oportunidades de situarnos no mapa dos diferentes recursos turísticos para abrir un oco na recepción de visitantes.”

A comunicación enviada remata con unha solicitude expresa á Xunta para que corrixa o material editado no proxecto Galicia Surfing, facendo constar que a praia de Oliñas se atopa en Barreiros e non nun punto indeterminado entre Ribadeo e Foz, e trasladando a consideración de que “a promoción local inserida na promoción colectiva é o mellor xeito de aproveitar os nosos recursos e contribuír ao desenvolvemento económico dos nosos municipios.”

A rexedora aproveita a ocasión para convidar á directora xeral ao municipio e traballar no ámbito turístico, desde o local, facendo País.

0.19740986824036