Ana Miranda urxe a substitución do emisario de Viveiro para que non se perdan os fondos Feder
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, criticou que a substitución do emisario que atravesa o porto de Celeiro, como parte da mellora do saneamento de Viveiro, non estea aínda executada maila existir fondos europeos. “É lamentable que pese a existir fondos non se execute este proxecto”, manifestou Miranda durante a súa visita á localidade lucense xunto a candidata á Alcaldía, Miriam Bermúdez, e o número 2 da candidatura, Seve Salgueiro.
En resposta a unha pregunta presentada polo Bloque, a Comisión Europa recoñece que o proxecto para acometer o saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da EDAR está xa elaborado, mentres que a ampliación da EDAR de Viveiro se atopa en proceso de elaboración, pero que a “licitación dos proxectos aínda non comezou”. “Executar estes proxectos son fundamentais para cumprir os obxectivos da Directiva Marco da Auga sobre o tratamento de augas residuais urbanas, e a Lei de Augas de Galicia”, salienta a eurodeputada do BNG.
Por outro lado, Ana Miranda explica que o Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galiza 2014-2020, que cofinancia esta operación, establece que o inicio e o final das obras é entre decembro de 2016 e decembro de 2020. Segundo a eurodeputada nacionalista, “estamos perdendo moito tempo na mellora da calidade das augas que permita a súa vez mellorar a clasificación nas zonas de marisqueo nesta ría de Viveiro”.
Convenio co Concello
Desde o BNG local, a candidata á Alcaldía, Miriam Bermúdez, e o candidato 2 da lista, Seve Salgueiro, nesta liña, expresan a súa preocupación polo perigo de perder os 2,4 millóns de euros destinados ao saneamento de Viveiro. Lembran que en setembro de 2016 se formalizou un convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Viveiro co obxectivo de establecer as condicións básicas para acometer as obras de mellora do saneamento e da EDAR, a súa posta en servizo, a súa explotación e a súa conservación e mantemento.
“Tras a adenda do acordo asinada en xullo de 2018, Augas de Galiza iniciou os procedementos necesarios ante Portos de Galiza e a Dirección Xeral de Sostenibilidade de Costa e Mar debido á dificultades para obter as autorizacións necesarias, pero en Viveiro seguimos esperando que se melloren as deficiencias de saneamento”, explica Miriam Bermúdez.
Salgueiro, quen participou en Bruxelas na Conferencia sobre a Auga organizada por Ana Miranda, salienta que na ría se atopan até 6 zonas de vertidos que afectan o marisqueo, o que provoca que o tramo urbano da ría estea clasificado como ‘zona C’ e un “gran prexuizo medioambiental e económico”. Asemade, sinala que a estación depuradora presenta unha serie de problemas desde a súa inauguración “que nunca foron corrixidos”. “Non vale de nada que se invistan millóns de euros en facer depuradoras novas se a rede de saneamento non separa as augas”, denuncia.