Andrea Barreira Freije gaña o VII Premio Agustín Fernández Paz
O sábado 21 de outubro de 2023, ás 16:30 horas, reuniuse, no local do Iescha da Casa da Cultura de Vilalba, o xurado do VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia.
O xurado acordou, por unanimidade, outorgar o VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada Quen precisa unha avoa?, presentada baixo o lema ou seudónimo de #eunonteñoavoas, de Andrea Barreira Freije.
O xurado estivo formado por Manuel Bragado Rodríguez, Beatriz Maceda Abeleira e Pablo Nogueira Campo.
O xurado valora na novela "o novidoso enfoque sobre o idealismo, a toma de consciencia sobre as necesidades das avoas por parte das crianzas, así como a importancia da observación e os coidados nas residencias de maiores. A conciliación familiar, o tecido da rede de afectos e a sororidade entre todos os personaxes son outros temas desta novela na que a autora a través do humor transmite dun xeito maxistral a complicidade entre diferentes xeracións".
Andrea Barreira Freije (Fonsagrada, 1986), é unha escritora galega. Graduada en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Comunicación Científica, Tecnolóxica e Medio-ambiental pola Universidade Carlos III de Madrid e outro en Estudos Internacionais pola Universidade de Santiago de Compostela.
Imparte obradoiros de escritura para adolescentes e adultos. Foi xestora cultural, tradutora, locutora, dependenta... e
pedagoga. Forma parte da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, que visibiliza o traballo das escritoras. Publicou o conto infantil de Nadal, Que pode sair mal? para as actividades Pontexogos (Pontevedra) do Nadal 2016/17, ilustrado por Ana Seoane.
Entre as súas obras figura:
- Non hai luz sen escuridade (2015). Santiago: Urco Editora. Novela xuvenil fantástica.
- Palabra de bruxa (2018). Vigo: Galaxia, Costa Oeste. 168 páxs.
- Desmontando o corpo, construíndo a ciencia. As xemelgas Fernández de la Vega (2021). A Coruña: Baía. 48 páxs.