Andrea Pousa actuará en Burela o 19 de maio, dentro da programación cultural do concello
Varias actuacións musicais, unha obra de teatro e o comezo das festas patronais son algunhas das actividades da programación cultural de Burela para este mes de maio.
O venres, día 10, a Cía. Cultura Activa presentará a obra Papar sen cancelas. A representación, promovida por AGADIC-Rede de Teatros e Auditorios, dará comezo ás 21:00 horas e terá lugar na Casa da Cultura. O prezo da entrada será de 3 euros.
O 18 de maio a Coral Polifónica de Burela ofrecerá o Concerto das Letras Galegas. A actuación será na Casa da Cultura a partires das 20:30 horas.
O domingo, día 19, terá lugar unha das principais actuacións programadas pola Concellería de Cultura de Burela para este mes de marzo, que será o concerto ofrecido por Andrea Pousa. Será na Casa da Cultura, ás 19:30 horas. O edil de Cultura, José Díaz, salienta que “é unha das voces que máis está soando na actualidade”. O prezo da entrada será de 5 euros e esta actuación conta coa colaboración de AGADIC-Rede de Teatros e Auditorios.
E xa o 25 de maio ás 20:00 horas celebrarase o pregón das festas patronais de Burela e o domingo 26 será o Día do Neno, dentro destes festexos.