Andrea, unha gaiteira que anima as noites de reclusión
Mentres as cidades e grandes poboacións saen todas as noites, sobre as 20.00 horas, a aplaudir en apoio aos profesionais sanitarios e outros que están dándoo todo na loita contra o coronavirus, nas pequenas vilas e aldeas do rural, a soidade é máis notoria, sobre todo pola escaseza de veciños e a lonxitude á que se atopa as casas, o que impide aínda máis a relación neste tempo de situacións e a soidade é máis notoria.
Pero non é así en todos os lugares xa que Andrea, unha moza de quince anos de Castro de Rei, que reside na parroquia de Ponte de Outeiro, anima as noites de soidade co son da súa gaita. Así, todos os días ás 22.00 horas abre a fiestra da súa casa para deixar escapar a súa música pero como só ten dúas casas preto dela decidiu optar polas redes sociais para chegar a todos os seus veciños.
Así, a través de directos de facebook Andrea toca todas as noites as pezas que lle reclama o seu público entusiasta, o que tamén solicita para o día seguinte o que quere escoitar. Son cada vez máis os veciños que se xuntan para escoitala nas redes sociais e cada vez ten máis comentarios que a incentivan a seguir tocando.
Así, para Andrea, "é unha forma de animar á xente, de botar unha man no que se pode e de non perder as gañas de seguir pelexando contra o virus", conta.
Sen dúbida, os cinco anos tocando a gaita no seu grupo, Asubíos da Chaira, de Feira do Monte, son un punto a seu favor para esta veciña que comparte o seu gusto pola música con todos os seus. En moitas ocasións acompáñaa a súa irmá pequena Sandra coa percusión.
Ver vídeo tocando o himno galego a petición do público