Andrés Goteira: "Escribindo o guión de 'Dhogs' pensaba en conseguir diñeiro para chegar a rodar e non defraudar a Meira"

TerraChaXa
“Insólita xoia” do cinema español “deslumbrante, provocativa e impredecible”.
O meirego Andrés Goteira é o director de 'Dhogs'
26 Nov 2017

“Insólita xoia” do cinema español “deslumbrante, provocativa e impredecible”. Estes son só algúns dos calificativos da crítica internacional a ‘Dhogs’, a primeira longametraxe do meirego Andrés Goteira ao que comparan con Haneke ou Scorsese.

- Son estes os seus referentes cinematográficos?
- Haneke e Scorsese son demasiado grandes como para compararse a eles. Son terriblemente bos directores, pero ao mellor estética ou visualmente si que ‘Dhogs’ ten uns toques deles ou de David Lynch. Pero sempre digo que o son superficialmente porque despois eu constrúo o meu propio discurso.

- Como entende entón Andrés Goteira ao cinema?
- Como unha forma de falar co público. Hai oradores que se lles da ben a palabra, músicos que o fan moi ben coa música e pintores que falan a través da pintura e cineastas que falan coa mestura de todo isto. Aínda así, creo que a película ten que falar por si soa e que non sexa o cineasta o seu nexo. Con todo, eu o que pretendo é criticar dende o meu punto de vista, sendo eu.

- ‘Dhogs’ -“Stray dogs” no exterior- narra o encontro casual entre un home de negocios e unha misteriosa muller que nos conduce a unha aventura furtiva, a un deserto e a un crime. Pero cal é a temática do filme?
- É unha película de entretemento que conta a historia dunha muller que vai a un hotel e coñece a un home moito maior ca ela e comezan a conversar ata que esa conversa os leva a un encontro íntimo e este, á súa vez, a algo máis sexual. A partir de ahí comeza un puzzle descolocado que conta ‘Dhogs’ a través dunha narrativa multicapa que permite encontrar unha experiencia que, probablemente, poucas veces se viron. Ten que construíla o espectador elixindo a favor de quen está ou de quen está en contra.

- O filme inclúe importantes nomes do audiovisual galego como Antonio Durán ‘Morris’, Miguel de Lira, Melania Cruz, Iván Marcos ou María Costas; ademais de Carlos Blanco que lograba o recoñecemento á mellor interpretación masculina por “Ramón” no Festival Nocturna de Madrid onde o ‘Dhogs’ lograba o premio Paul Naschy á mellor longametraxe que tamén obtiña no Split de Croacia. E, recentemente, sumaba tamén un novo recoñecemento; xa que 'Dhogs' gaña o místico de ouro da sección de longametraxes do festival Alxeciras Fantástika e colócase finalista do premio Rizoma a mellor película. Agardaba este recoñecemento para a túa ópera prima?
- Para nada. Catro anos atrás cando estaba escribindo o guión o que pensaba era na posibilidade de conseguir diñeiro para rodar a película. Pero foise xuntando un gran equipo de amigos, sobre todo, aos que se foron unindo todos estes actores que son agora amigos tamén. Rodearse de boa xente é o que fai que a película saíra adiante. O noso obxectivo era chegar a facela como nós queriamos e iso é o que cremos que é o que leva a que sexa recoñecida nos festivais porque a máxima non chegar aos festivais, senón chegar a rematala e quedar ben cos veciños e veciñas de Meira. Con ese obxectivo o proceso permitiunos ir aprendendo todo o que supón o complicado mundo do cinema.

- Ademais, ten a honra de ser a primeira película en galego en competir na Sección Oficial do Festival de Sitges e ten gañada á crítica tralo seu paso por festivais como Bafici en Buenos Aires, o FrightFest do Londres, o OUFF de Ourense ou Fancine en Málaga. Supón o idioma algún impedimento para levar o cinema fóra das nosas fronteiras?
- Os festivais están acostumados a recibir traballos en todo tipo de idiomas con subtítulos.

A entrevista completa sairá publicada no vindeiro número do terrachaxa do mes de decembro deste 2017.

0.17459893226624