Ángeles Vázquez destaca o aumento da produción de leite en Galicia que a mantén como comunidade líder no sector
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, sinalou este venres que a produción de leite en Galicia segue medrando o que permite manter a nosa comunidade como líder nacional do sector, concentrando preto do 40% da produción española. Fíxoo durante a inauguración da cuarta edición do mestrado en produción de leite que desenvolve o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da consellería, o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).
En xullo de 2017 (último mes do que se teñen rexistros oficiais) Galicia produciu case 228.000 toneladas de leite o que significa un aumento superior ao 3% respecto ao mes anterior e do 2,4% respecto ao mesmo período de 2016. Esta tendencia alcista mantense dende fai anos, pero ademais, desta vez, súmanse tamén os datos positivos en canto aos prezos do leite, que está en 29,9 céntimos o litro. En xullo de 2016 estaba en 26,8, polo tanto, falamos de 3,1 céntimos máis respecto ao ano pasado e 0,2 máis que en xuño deste verán.
En Galicia o 94,96% da produción total págase por riba dos 28 cts/l e se analizamos os gandeiros que cobran o litro por riba dos 30 céntimos medraron un 10% respecto ao mes de xuño ata acadar os 2.520, que representan o 30,38% do total.
Por todo iso, a titular de Medio Rural definiu este como un momento “crucial” para o sector lácteo. “As explotacións funcionan cada vez de xeito máis profesional e están a adaptarse ás condicións que impón o mercado, por este motivo, dende a Xunta estamos a implicarnos de forma decidida para que o noso sector lácteo despegue definitivamente”, declarou, e engadiu que, neste sentido, ten unha importancia crucial para dar resposta a unha “dinámica empresarial moi esixente que demanda técnicos fortemente especializados, con capacidade para analizar os problemas, dar respostas e propoñer solucións”.
Recoñecemento ao sector
A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aproveitou tamén para falar dos novos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca que este ano puxo en marcha a consellería. Xa están seleccionados o medio centenar de finalistas entre as 4.905 explotacións que podían optar a este novo galardón por estar inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e que, polo tanto, están en disposición de usar o distintivo de calidade Galega 100 %.
A través das análises feitas polo Ligal, que colabora con estes premios, fíxose esta primeira selección 50 gandeiros aos que se lles comunicou por carta a súa condición de finalista. A continuación procederase á visita das granxas para comprobar que as características da mesma son as axeitadas. Neste sentido, a conselleira sinalou que hoxe reuniuse o comité de valoración que será o que organice os traslados e avalíe as explotacións.
“O obxectivo é recoñecer a aqueles profesionais que apostan por coidar ao máximo o seu proceso produtivo”, explicou a Ángeles Vázquez. Así, haberá ata 10 categorías de premios en función do tamaño de explotación (pequenas, medianas e grandes) e o sistema de produción (en intensivo, extensivo ou media). Por último, haberá un galardón específico tamén para as granxas en ecolóxico.