Aniversario do FSF Castro: “Teño na miña memoria logros e momentos inesquecibles”

LugoXa | TerraChaXa
Carmen Tojo é a presidenta do FSF Castro, club que cumpre dez anos e do que fala días antes da celebración
fsf-castro-copa-na-raina
5 Feb 2025

O FSF Castro está de aniversario e quere celebralo cunha gran cea que terá lugar o sábado 8 de febreiro, ás 21:30 horas, nunha carpa instalada ao lado do pavillón municipal de Castro. Con esta celebración, o club conmemora 10 anos de traballo e ilusión, nunha noite que promete estar cargada de bo ambiente, risas e música a cargo dun DJ en directo para animar a festa.

A cita inclúe unha cea conxunta para todos os asistentes, cun menú completo no que non faltarán os mellores sabores. Haberá entrantes como xamón cocido á feira, croquetas, luras e polbo, seguido dun prato principal de churrasco mixto con criollos e patacas fritas, rematando cunha Tarta San Marcos de sobremesa. As bebidas tamén estarán incluídas, cunha selección de auga, viño, refrescos, café e licores para completar a velada.

Sobre este aniversario fala Carmen Tojo, presidenta do FSF Castro.

Poden avanzar como vai ser este aniversario?

Será algo sinxelo, ao final o máis importante é estar todos xuntos e desfrutar da noite. Comezaremos abrindo o pavillón as 9 da mañá pois teremos partidos na casa todo o día, e acabaremos a noite cunha cena-baile ademais dunha exposición de fotos dos últimos 10 anos. Por último, haberá un partido amigable entre a xente que se anime de casados e casadas contra solteiros e solteiras.

Como xurdiu a idea deste club?

Unha amiga invitoume a ir adestrar a un club, entón, eu e a miña filla, que nese momento tiña 7 anos, animámonos a ir. Pasei media tempada na cal coñecín o fútbol sala e a xente que xogaba do meu concello. Así que, un día de verán propúxenlles facer un equipo en Castro e aquí estamos agora.

Cantos deportistas e de que categorías teñen actualmente?

Sobre uns 200 deportistas repartidos en diferentes categorías que abarcan dende biberón ata sénior, na maioría de categorías temos tanto equipos femininos como masculinos e nas inferiores mixtos. Ademais de 13 adestradores.

Como se presenta a tempada?

A tempada está indo ben, cumprindo obxectivos pouco a pouco pero aínda queda moito traballo por diante.

Cales son os proxectos máis inmediatos de futuro?

O proxecto máis importante é ir crecendo pouco a pouco, con tempo e a experiencia iremos chegando o máis lonxe posible pero sempre cos pés na terra.

E necesidades?

Sempre hai necesidades, os espazos para adestrar e xogar é o que hoxe en día máis precisamos.

Contan con axuda para manter o club activo?

A día de hoxe si contamos con patrocinadores locais e da provincia, colaboradores, tamén con administracións públicas e, por suposto, cos nosos socios, mais o futuro sempre é incerto.

Que nos pode dicir da afección?

A afección é incrible, é impresionante ver o pavillón de Castro cheo cada fin de semana e como o dan todo para animar ao equipo independentemente do resultado, creo que é algo que nos define como club, a nosa afección, estou eternamente agradecida con ela.

Ademais da competición programan outra serie de actividades?

Sempre se programan actividades para a base, este ano xa desfrutaron dunhas xornadas de convivencia en Portugal con club Nunes Alvarez, o que xa coñeciamos con anterioridade dun torneo na mesma localidade. Tamén levamos a cabo torneos en Castro. Agora estamos programando unha visita ao Club Rodiles para a asistencia a un Torneo en Memoria da súa porteira, Jhenni. A nivel club, realizamos visitas a colexios para fomentar e dar visibilidade ao fútbol sala feminino e planificamos charlas de nutrición para todos os nosos integrantes. En ocasións tamén levamos a cabo recollidas de alimentos para os máis necesitados coa axuda, tanto dos e das xogadoras como da afección.

De que logros se senten máis orgullosos?

Do que nos sentimos máis orgullosos é de ver como crece este club día a día. Se tivera que quedar cun logro sería ter levado a 3 equipos da base a un Campionato de España, aínda que como presidenta deste club, teño na miña memoria momentos e logros inesquecibles.

0.17815589904785