Antía Muíño ofrece un concerto este sábado na casa museo de Manuel María
O próximo 6 de abril, sábado, ás 20 horas, Antía Muíño, unha das revelacións da nova canción galega, estará en concerto na Casa-Museo Manuel María. A súa máxica e singular voz estará acompañada da súa guitarra clásica e da súa pandeireta, intercalando a intimidade e o virtuosismo das súas autorías coa potencia da percusión e o canto tradicional.
A pesar da súa mocidade, a cantautora compostelá irrompeu como unha auténtica revelación no panorama artístico -non só galego- tal como o certificou o éxito dos seus concertos e o importante número de escoitas, chegando a ter o seu álbum debut Carta aberta case dous millóns de reproducións e mesmo a facer parte dalgunhas das listas de reprodución máis importantes da música de autor da industria dixital, sendo escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL e saíndo en rotación nas marquesinas de Times Square (New York) a finais de 2022.
Neste tempo breve e intenso actuou en festivais tan diversos como o Jazzaldia (Donosti), Veranos de la Villa (Madrid) ou Os Xoves de Códax (Cambados), entre moitos outros, e colaborou con artistas como Xabier Díaz, Baiuca.... Durante o 2023 xirou por todo Estado español e Portugal e neste ano publicou o novo sinxelo O Paxaro e xa está a traballar na composición e gravación de novos temas.
O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, sendo a súa proposta unha viaxe entre estilos perfectamente guiada pola súa máxica voz.
Antía Muíño ten no seu repertorio algunhas cancións con letra propia e outras feitas sobre textos de poetas galegos entre os que está o da autoría de Manuel María “Terra”, pertencente ao poemario editado en 1959, “Mar maior” (https://www.youtube.com/watch?v=dn76_V2fnyA).
Para asistir ao concerto (billete 5 euros) é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621