Antonio Riveira aborda co conselleiro de Medio Rural a presenza da EHE nas explotacións de Xermade
O portavoz do Grupo Municipal do PP de Xermade, Antonio Riveira, trasladou a súa preocupación polas consecuencias da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas explotacións gandeiras do municipio durante unha reunión co conselleiro de Medio Rural, José González, na que tamén participou o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e tamén abordaron outros asuntos que afectan ao municipio.
O voceiro popular remarcou o impacto da EHE nos animais gandeiros da zona, sinalando exemplos como o dunha explotación de Ladrela, na parroquia de Piñeiro, coa que tanto o portavoz coma a Consellería do Medio Rural amosaron a súa vontade de colaboración.
Riveira agradeceu a atención do conselleiro e a sensibilidade da Xunta con esta nova enfermidade que está a afectar á cabana gandeira de toda España. De feito, lembra que Galicia foi “a primeira comunidade autónoma en anunciar indemnizacións pola morte dos animais”, e “o propio conselleiro comprometeuse a axilizar os trámites”, explica o portavoz.
Entre outras actuacións, a Xunta está a desenvolver unha traballo coordinado co sector para mitigar as consecuencias da EHE, ademais de pedir ao Ministerio de Agricultura que deseñe unha estratexia -en coordinación coas comunidades autónomas- de loita contra unha enfermidade expandida por toda a Península Ibérica, ademais de liderar os traballos de investigación para lograr unha vacina contra esta patoloxía.
Ademais, o Consello Agrario Galego aprobou o pasado 14 de novembro a creación dun equipo de traballo que implementará un sistema de alertas temperás, co obxectivo de axudar a previr as consecuencias das enfermidades animais e vexetais derivadas do cambio climático que están afectando ao sector primario.