Anuncian tres novas concentracións parcelarias en Cospeito
Aplicaranse na provincia de Lugo só en Arcillá-Bestar-Vilar-Sisoi, Lamas e Roás, as tres no concello cospeités.
O Consello da Xunta aprobou novas concentracións parcelarias. Trátase dun total de nove, localizadas en sete concellos galegos e que reorganizarán máis de 8.900 hectáreas de terro e beneficiarán a 5.600 propietarios.
As concentracións parcelarias aplicaranse na provincia de Lugo en Arcillá-Bestar-Vilar-Sisoi, Lamas e Roás (as tres en Cospeito); ademais de en Montes de Fao e Novefontes (Touro), Lamas-Loureda-Sergude-Vigo (Boqueixón), Herbón (Padrón), Freixeiro (Santa Comba), Castenda (Tordoia) e Baltar-Golán-Grobas (Melide). Son, en total, 562 explotacións activas situadas nestes municipios, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona.
Entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse 27 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total de 22.589 ha e 107.317 parcelas de 15.387 titulares.
Entre o ano 2020 e o 2022, a Xunta rematou un total de 24 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 17.400 hectáreas, beneficiando preto de 11.300 propietarios que recibiron máis de 25.500 títulos de propiedade. En ambos os casos, o obxectivo é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- no primeiro semestre deste ano.
Lei de recuperación
As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, desde o punto de vista da estrutura da propiedade. De aí que se investisen nos distintos procesos de concentración máis de 118 millóns de euros desde o ano 2009, e o orzamento previsto para 2023 é de 17 millóns.
Por iso, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).
Así, na nova lei apóstase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, estase a mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.