Anuncian nas Pontes que o Camiño do Bispo abrirá no mes de setembro

TerraChaXa | AMariñaXa
A Xunta de Galicia apoiará o impulso inicial da ruta, poñendo a disposición do proxecto recursos e asesoramento técnico
camino-do-bispo-as-pontes
19 Jun 2025

O proxecto do Camiño do Bispo continúa avanzando con paso firme. Onte celebrouse nas Pontes unha reunión clave entre os Concellos polos que discorre a ruta e a Axencia de Turismo de Galicia, representada por Ildefonso de la Campa, director do Xacobeo na que se presentaron os principais avances do proxecto, entre eles a nova imaxe oficial da ruta, o plan de sinalización e acondicionamento do trazado, así como a previsión de celebrar a inauguración pública este outono.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e a concelleira de Turismo, Elena López, acompañados por representantes dos outros oito Concellos implicados (As Somozas, San Sadurniño, Neda, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Xermade e Muras), destacaron a importancia deste encontro para consolidar o apoio institucional ao proxecto e coordinar os seguintes pasos.

Durante a reunión, os representantes municipais das Pontes detallaron que en setembro está previsto que todos os Concellos teñan instalados os seus carteis informativos, e que se complete a sinalización do percorrido, incluíndo códigos QR vinculados a contidos culturais de cada municipio. “Nese momento, convocaremos un acto público para inaugurar oficialmente o Camiño do Bispo, abríndoo á cidadanía e ao turismo”, explicou o alcalde, Valentín González Formoso

A nova identidade visual do Camiño do Bispo, deseñada pola pontesa Laura Gómez, do estudo De Cibreiro, foi outro dos elementos presentados durante a xuntanza, inspirada no báculo de San Rosendo, bispo de Mondoñedo no século X, unha figura emblemática para Galicia tanto no eido relixioso como político.

Así mesmo, durante a reunión tamén se abordou a creación e posta en marcha dunha páxina web común, onde se reunirá toda a información da ruta nun único espazo dixital, cun mapa interactivo, recursos para o visitante e datos culturais relevantes dos territorios polos que transcorre o camiño.

Pola súa parte, Ildefonso de la Campa, en nome da Axencia de Turismo de Galicia, valorou positivamente o traballo colaborativo dos Concellos e expresou a disposición da Xunta a apoiar o impulso inicial da ruta, poñendo a disposición do proxecto recursos e asesoramento técnico.

O Camiño do Bispo nace do compromiso de nove Concellos galegos por poñer en valor o seu patrimonio compartido e promover un itinerario de alto interese paisaxístico, medioambiental, histórico e etnográfico, con vocación de converterse nun novo recurso turístico sustentable e vertebrador do territorio rural galego.

⚙ Configurar cookies
0.14305210113525