Anuncian o peche da empresa de Guitiriz Tivaygasa e o despedimento de 20 traballadores

TerraChaXa
Mañá xoves día 18 de setembro, desenvolverase a xornada de folga xa prevista e para o venres 19 o persoal acordou convocar unha concentración
CIG
17 Sep 2025

A dirección da empresa Tivaygasa (Transformados industriais vasco-galaicos) vén de comunicarlle ao cadro de persoal a súa intención de pechar a factoría que ten en Guitiriz (Lugo), o que levaría o despedimento dos seus 20 traballadores e traballadoras.

Tivaygasa é unha empresa industrial situada en Pardiñas, Guitiriz, que se dedica ao mantemento integral (pintado, reparación e retimbrado) das bombonas de butano de Repsol e Cepsa, así coma as xaulas nas que se transportan.

Este mesmo mércores, no transcurso dunha reunión entre o representante do persoal (da CIG) e o xerente, este informou da grave situación económica que atravesa Tivaygasa debido ás débedas que acumula. Esta sería a razón, engadiu, pola que se tomou a decisión de proceder ao peche, que afectaría aos 20 traballadores e traballadoras da planta de Guitiriz.

Dende a dirección, apunta Afonso Losada, da CIG-Industria de Lugo-A Mariña, non se achegaron mais datos que clarifiquen cando e como se vai concretar esta peche, agás que será inmediato. Dáse a coincidencia que o persoal tiña convocada unha folga para mañá, xoves, debido aos retrasos reiterados no pago dos salarios.

Neste novo contexto, a CIG manifesta a súa oposición rotunda a esta decisión “e reclamamos que se aclare por parte da empresa a verdadeira situación, se nos explique se está previsto a entrada en concurso de acredores pola situación económica ou se va presentar un ERE de extinción total”.

Así mesmo, a CIG demanda solucións para o futuro dos traballadores e das traballadoras, que a empresa sente a negociar “e que se explore a posibilidade da venta para asegurar a continuidade da actividade e a salvagarda dos postos de traballo”.

Con todo, mañá xoves día 18 de setembro, desenvolverase a xornada de folga xa prevista e para o venres 19 o persoal acordou convocar unha concentración diante das portas da empresa, con horario aínda por confirmar.

⚙ Configurar cookies
0.10328722000122