Ao redor de 400 persoas participarán nas escolas deportivas de Guitiriz

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz presentou as súas Escolas Deportivas para este curso 2019-2020, que contan con ao redor de 400 persoas rexistradas.
escolas deportivas guitiriz
27 sep 2019

O Concello de Guitiriz presentou as súas Escolas Deportivas para este curso 2019-2020, que contan con ao redor de 400 persoas rexistradas. 

Neste acto oficial estiveron presentes a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o concelleiro de Deportes, Iván Morado; o xefe do  Servizo de Deportes da Xunta, Manuel Otero; o deputado provincial de Deportes, Efrén Castro; o coordinador deportivo da Terra Chá, Juan Somoza; e o técnico de deportes municipal, Manolo Martínez.

O goberno local deseñou un programa composto por 11 actividades dirixidas tanto aos máis pequenos como aos adultos do municipio. Entre as máis solicitadas este ano está pilates, que conta con 90 rexistrados e lista de espera, a pesar de que se tivo que aumentar un grupo para dar resposta á alta demanda. Patinaxe é outra das máis reclamadas, con 35 rexistrados, e finalmente levará a cabo en Guitiriz e en Parga. Doutra banda, na presentación anunciouse que, xa que unha das traballadoras do Concello é campioa galega de tenis de mesa, vai incorporar este deporte ao programa municipal. 

Marisol Morandeira destacou a importancia que o goberno local lle dá ao deporte a este nivel xa que “os nenos edúcanse a través destas actividades e adquiren unha serie de habilidades necesarias para a vida, ademais de que potencian o compañeirismo e un estilo de vida saudable”. Pola súa banda, Iván Morado resaltou a “ampla oferta que hai este ano e que se tentará mellorar para cumprir a gran demanda que existe en Guitiriz”. 

A alcaldesa tamén quixo aproveitar a ocasión para anunciar que se retomarán as andainas dos primeiros domingos de cada mes, os roteiros en bicicleta e recuperarase a Carreira Popular, que se celebrará o 9 de setembro. Ademais, explicou que a partir deste ano “imos prohibir aos pais e nais o acceso aos adestramentos dos seus fillos xa que queremos evitar os comportamentos inadecuados que se producen nalgúns deportes por parte dos proxenitores”.

Manuel Otero enxalzou a “actividade deportiva que  hai en Guitiriz, que ademais é moi variada e de mellor calidade cada ano” e lembrou que “o que importa é a “participación e nesta zona hai moita, é algo para destacar”.

Pola súa banda,  Efrén Castro cualificou ás escolas deportivas de Guitiriz como “un exemplo de como as institucións deben promocionar o deporte entre a mocidade e para todas as idades, algo que debería ser básico e que desde a Deputación estamos moi orgullosos de apoiar”.

Por último, Juan Somoza uniuse a este discurso ao destacar a Guitiriz como “un referente a nivel da Terra Chá, da provincia e tamén autonómico en deportes como o fútbol sala”.

Este ano a oferta inclúe fútbol sala, con categorías desde  minibenxamín ata xuvenil; ximnasia rítmica; patinaxe; atletismo e campo a través; baloncesto; taekwondo; actividades  aeróbicas como aeróbic, step e zumba; ioga; pilates; ximnasia de rehabilitación en Parga e ximnasia de rehabilitación en Guitiriz.

0.19670009613037