Apaga de Ribadeo organiza do 25 ao 28 de agosto o IX Fórum de Innovación

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
7 Ago 2020

APAGA (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia) organiza a novena edición do Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos do 25 ao 28 de agosto, que terá lugar no centro Pedro Murias, de Ribadeo. Este ano abordaranse temas como a edición de libros electrónicos e o vehículo eléctrico. O programa completarase cunha serie de actividades lúdicas, que permitirán aos participantes visitar varios lugares da comarca. O aforo está limitado a 50 persoas, debido ao covid, pero aínda quedan algunhas prazas libres.

O presidente de APAGA, Álvaro Doural, contou que “este ano decidimos, tendo en conta as diversas enquisas do nivel de satisfacción que facemos todos os anos cando remata o Fórum, dar resposta a ese tipo de solicitudes dos participantes, especialmente daqueles que veñen de fora da comunidade autónoma de Galicia. Entón imos incluír, dentro do programa, unha serie de actividades lúdicas como un paseo en barca pola ría, unha visita á fabrica de Sargadelos, outra a Taramundi e tamén faremos algunha actividade no porto de Rinlo”.

Doural explicou que “o esquema do Fórum vai ser moi parecido aos anos anteriores, pola mañá haberá ponencias e pola tarde talleres. Incorpórase un taller de editor de libros electrónicos, creo que é interesante no momento en que estamos no que din que moita da formación vai ser online ata que se resolva o tema do covid. Imos facer algunha actividade máis neste senso, ao longo do ano, de apoio ao profesorado e a aquela xente da empresa que queira introducirse no mundo dos editores de libros electrónicos”.

O presidente de APAGA engadiu que “vai ter tamén unha parte importante o tema de vehículos eléctricos con talleres. Estamos rematando aínda parte do programa porque estabamos considerando se celebrar o Fórum ou non, pero creo que debemos continuar con todas as medidas de seguridade e hixiene que require o covid e tirar para adiante. Penso que é importante, o país necesita non paralizar máis cousas, xa hai bastantes paralizadas e iso trae consigo que moita xente perda o seu traballo. Intentaremos ser un exemplo de apoio a esta situación que vivimos neste momento”.

Álvaro Doural lembrou que “como sempre é unha actividade aberta, este ano ten o condicionante da limitación de aforo a 50 persoas, pero aínda hai algunha praza libre. Aquelas persoas que estean interesadas en participar neste evento poden poñerse en contacto a través da nosa páxina web www.apaga.es, ou do noso correo electrónico apagaribadeo@gmail.com ou a través do teléfono da asociación 639 88 49 45”.

A inauguración do IX Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos será o 25 de agosto ás 10 da mañá.

0.22167110443115