Apaga promove o proxecto europeo para o uso da tecnoloxía do vehículo eléctrico

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
13 Dec 2019

Esta semana celébrase en Lisboa a primeira xuntanza do proxecto Inclusión e empregabilidade mediante a tecnoloxía do vehículo eléctrico, de Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). 

Na capital portuguesa atópase Álvaro Doural que explica que “durante toda a semana a temática de traballo será a formación sobre o manexo do editor de libros electrónicos. Polas tardes facemos visitas a empresas relacionadas coa tecnoloxía dos vehículos eléctricos. E xa o venres, que será o último día de traballo, o que faremos será organizar a próxima xuntanza que teremos a finais de xaneiro de 2020”. 

Os obxectivos que persegue este proxecto de Apaga son elaborar 14 unidades didácticas dixitais inclusivas para o alumnado de FP Básica e deseñar un programa de formación en aberto de capacitación profesional para favorecer a empregabilidade real con vehículos eléctricos. Desde Apaga sinalan que “desde unha óptica de colaboración transnacional, atopamos a motivación necesaria para propoñer o deseño conxunto de materiais curriculares que permitan definir a figuran dun novo técnico especialista en vehículos eléctricos, xa que non existe formación específica”. Desde o proxecto alúdese ao incremento que rexistraron as matriculacións de eléctricos e híbridos nos últimos anos.

Os grupos aos que vai destinado o devandito proxecto son profesionais do ensino europeos que traballan na rama de automoción de programa VET; alumnado de programas VET inicial (FP Básica inicial) que requiren de materiais específicos para asegurar a adquisición de competencias que lles garantan unha empregabilidade real cando abandoen o sistema educativo; profesionais en activo ou desempregados que precisan adquisición ou actualización das súas competencias profesionais para traballar con vehículos eléctricos; e empresas do sector automobilístico que necesitan a formación de profesionais con perfís concretos para abordar o amplo mercado laboral que se abre co aumento do número de vehículos eléctricos. 

Xunto a Apaga, que é a promotora deste proxecto europeo, participan entidades de Portugal, Romanía, Italia, Turquía, Croacia e Lituania. 

0.15153002738953