Apaga retoma a súa programación formativa

TerraChaXa | AMariñaXa
Comezan as novas actividades formativas de Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia), que se van desenvolver proximamente.
12 Xan 2021

Comezan as novas actividades formativas de Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia), que se van desenvolver proximamente. Esta fin de semana, os días 16 e 17 de xaneiro, haberá na Coruña un curso sobre sistemas de carga e arranque nos vehículos. A novidade deste 2021 é que a programación de Apaga estará aberta a todas as persoas interesadas nos temas que se aborden e non só a profesores de FP ou persoal de talleres ou empresas relacionadas co automóbil. 

O presidente da asociación, Álvaro Doural, dixo que “continuando coas actividades formativas que desenvolve Apaga empezamos o ano 2021 cun curso que se vai realizar na Coruña sobre os sistemas de carga e arranque nos vehículos. Será os días 16 e 17. Tamén estamos nestes momentos nun período de recollida de solicitudes para aquelas persoas que queren participar no curso on line sobre vehículos eléctricos. Tanto para unha actividade como para a outra pódese solicitar información no teléfono 639.88.49.45 ou ben a través do correo da nosa asociación, que é apagaribadeo@gmail.com”.

Doural subliñou que “hai un cambio substancial respecto aos anos anteriores: todas estas actividades que organiza Apaga a partir de agora están abertas a todas as persoas que estean interesadas nos temas que se abordan. Entón para participar non é necesario ser profesor de Formación Profesional nin técnico que traballe nun taller ou noutra empresa relacionada co automóbil. Aqueles afeccionados ou calquera outra persoa interesada en facer, por exemplo, este curso on line sobre vehículos eléctricos, que é moi bo, poden facelo sen ningún problema. Só teñen que cumprir as condicións da matrícula”.

0.16643095016479