“Apostamos por un programa diverso con actividades que poñen en valor a nosa identidade"

Cóntenos como van ser este ano as festas.
Nas festas deste ano apostamos por un programa diverso, pensado para todos os públicos, con actividades culturais, musicais e tradicionais que poñen en valor a nosa identidade e fomentan a participación do conxunto da veciñanza. Queremos que todo o mundo atope o seu espazo nas festas e poida gozar delas ao máximo.
Temos novidades con respecto ao ano pasado?
Si, cada ano procuramos introducir algunha novidade no programa. Este ano teremos tres semanas case de festa e aínda que se mantén a esencia dos días principais, destacaría que nesta edición contamos cun concerto dun artista internacional como é Carlos Baute.
Como se escolleu ao autor do cartel?
Pois para ser honesta foi unha proposta da Concelleira de Cultura, que me parece moi acaída. Eduardo é da casa, vilalbés, e xa que contamos cun ilustrador e pintor desta calidade en Vilalba, quen mellor ca el para facer este cartel. Creo que sempre é importante darlle visibilidade aos nosos creadores e creadoras, aínda que no caso de Eduardo é xa un autor moi recoñecido tanto dentro como fóra da súa terra, porque así tamén facemos que Vilalba se vexa e se valore a través deles.
Cóntase cos artistas locais para as festas?
Por suposto. Na nosa vila temos a sorte de contar cun tecido cultural e artístico moi importante. Ao longo do ano colaboramos con eles sempre que é posible, pero as festas son unha oportunidade magnífica para amosar o talento que temos na nosa vila.
Se traballa todo o ano para compoñer o programa das festas?
Dicía antes que temos case tres semanas de festas e de programación, e obviamente hai moito traballo detrás para poder pechar o programa e, sobre todo, para que todo vaia segundo o previsto e a veciñanza e visitantes teñan todo listo para gozar un ano máis das nosas patronais. Cando rematan as festas dun ano xa se empeza a pensar nas do seguinte.
Como se chegou a escoller estas pregoeiras?
Tradicionalmente os pregoeiros e pregoeiras foron, case sempre, vilalbeses ou vilalbesas que pola súa traxectoria profesional estaban residindo fóra de Vilalba e este ano quixemos poñer en valor a traxectoria de dúas mulleres vilalbesas, moi coñecidas e moi destacadas no eido profesional, que viven e fan comunidade aquí. Queremos que o pregón sexa un momento emotivo e representativo, e nesta ocasión decidimos apostar por dúas veciñas que levan Vilalba por bandeira.
Que significado teñen as festas para Vilalba?
Pois, en primeiro lugar, e por motivos obvios, creo que as festas de San Ramón e Santa María son unhas datas que están marcadas no calendario de todos os vilalbeses e vilalbesas, son datas para reencontrarse con familia e amigos, e que marcan, para moitos, o fin da época estival. Ademais, son un importante revulsivo económico para a nosa vila, pois tanto a hostalaría como o noso comercio local ven notablemente incrementadas as súas vendas nestas datas, e iso é moi positivo.
Na nosa vila temos a sorte de contar cun tecido cultural e artístico moi importante e as festas son unha oportunidade magnífica para amosar o talento que temos
A veciñanza está involucrada e participa?
Por suposto, as festas son para que toda a veciñanza as goce. Sen a participación e implicación da veciñanza non habería festas. Cada un dos veciños e das veciñas é unha peza fundamental da engrenaxe das festas. Algúns teñen unha participación directa, na organización ou na programación, e outros participan como público, gozando dos actos que se organizan pero cada aplauso e cada sorriso fai que o traballo mereza a pena.
Pode facernos un balance desta lexislatura?
Pois mira, diría que foi un mandato de moito traballo, de botar moitas horas e de intentar facer render cada euro. Puxemos a mirada no que a xente precisa: na conciliación, na mellora dos servizos, tanto no casco urbano como no rural. Claro que quedan cousas por facer, pero estamos asentando as bases dun modelo de vila na que os veciños poidan vivir mellor.
En que eidos cre que se produciu un cambio máis notable?
Creo que o cambio máis grande foi na forma de pensar Vilalba. Cada obra, cada actividade, cada novo servizo non son pezas soltas senón que forman parte dunha idea común de pobo pensado para que as persoas queiran quedar a vivir aquí. Traballamos para que os servizos municipais funcionen mellor, que haxa mais dinamismo no rural e no casco urbano.

Que queda pendente de rematar este ano?
O máis inmediato é rematar as obras do punto de atención a infancia, para ter 20 novas prazas de atención educativa para nenos de 0 a 3 anos de cara o vindeiro curso, e dar así resposta ás necesidades das familias. Estamos tamén coas obras de renovación da aula de estudo na biblioteca e coa mellora da accesibilidade na Rúa Benxamín Paz. Tamén temos previsto acometer neste ano as obras de renovación da cuberta da Casa da Cultura, a repavimentación do acceso ao barrio da Fontiñas, o parque de Rosalía de Castro, a nova área de autocaravanas e estamos tamén traballando na mellora do saneamento e abastecemento de auga, algo moi necesario.
Supoño que a mira está xa posta na próxima lexislatura. Que grandes proxectos hai en marcha?
Pois enlazando coa pregunta anterior diría que o ciclo da auga ten que ser unha prioridade polo que implica, non só de mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas, senón tamén pola importancia que ten para as nosas industrias. Temos que mellorar a captación actual pero tamén o saneamento e iso implica moitos recursos e tempo para poder resolver un problema que arrastramos de gobernos anteriores e que só cos fondos propios non podemos acometer. Necesitamos que outras administracións se impliquen, como Augas de Galicia, que lles cobra unha cantidade directa no recibo que pagan os nosos veciños e que debera regresar a Vilalba en forma de investimento. É certo que xa demos pasos importantes neste eido: co tanque de tormentas que permitiu deixar atrás as verteduras ao río, estamos agora co proxecto de instalación de filtros e decantadores na ETAP, cunha auditoría do abastecemento e temos en marcha tamén a mellora do saneamento en Plácido Peña.
Cales serán as seguintes zonas a actuar no proxecto de mellora e humanización?
Pois estamos precisamente cun proxecto de mellora da accesibilidade na Rúa Benxamín Paz, onde se van facer novas beirarrúas máis anchas, cambiar a iluminación a led, colocar bancos e poñer árbores. Os proxectos de humanización consisten, non só en amañar unha rúa, senón en facer espazos onde a veciñanza se sinta a gusto, máis seguros, con zonas verdes e de encontro.
Que plans hai a nivel industrial, concretamente no polígono?
O polígono é clave para Vilalba e non o podemos descoidar. Estamos colaborando estreitamente coa Asociación de Empresarios para coñecer as súas necesidades de primeira man e darlles unha resposta. Nestes momentos estase a traballar en dous proxectos de mellora das vías principais e a iluminación cun investimento total de máis de 200.000 euros, ademais da necesaria ampliación do chan industrial. Este mandato, tamén nos adherimos á iniciativa “Doing Business” que incentiva fiscalmente a instalación de novas empresas e a ampliación das existentes. O obxectivo é claro: máis empresas, máis traballo, máis futuro.
Vilalba precisa servizos para as persoas, boas infraestruturas e proxectos de futuro
Cales son as principais necesidades a día de hoxe para Vilalba?
Diría que necesitamos que a xente nova decida quedar ou vir vivir a Vilalba, facer aquí o seu proxecto de vida. Para iso temos que garantir servizos que faciliten a conciliación, vivenda accesible, oportunidades de traballo e un entorno atractivo que invite a quedar. Iso é pensar no futuro, e o futuro non chega só: hai que pelexalo día a día, e iso é o que facemos. Pero como lles pasa a moitos concellos, non podemos facelo sós. Temos unha rede viaria municipal moi extensa e con moitas necesidades, que precisa investimentos constantes. Nestes meses tivemos o apoio dun equipo móbil da Deputación que levou a cabo a mellora de preto de 15 quilómetros de pistas nas parroquias do noso rural e agardamos poder seguir contando con ese reforzo no futuro novamente, pero non é suficiente. Hai dous proxectos que para min son irrenunciables: por un lado, o centro de día en Vilalba, que é unha demanda moi sentida polas familias e que só pode ser realidade se a Xunta se implica dunha vez. E por outro, rematar o PXOM e a ampliación do polígono industrial, porque sen solo e sen planificación non hai maneira de atraer empresas nin de crear emprego estable aquí. En resumo: Vilalba precisa servizos para as persoas, boas infraestruturas e proxectos de futuro. E mentres eu estea aquí, seguirei batallando por cada un deses pasos, porque sei que só así conseguiremos que Vilalba sexa un lugar de oportunidades para todos e todas.