“Apostamos por unha pastelería artesá moito máis saudable”
Eduardo Balsa, xerente e pasteleiro en Êbos, obradoiro doce de Vilalba.
No mes de agosto do ano pasado abriu as súas portas en Vilalba Êbos, unha nova forma de entender a pastelería. Situados na rúa Campo de Puente, abren de martes a venres de 7.00 a 14.00 e os sábados, domingos e festivos de 8.00 a 14.30. Pechan os luns para descanso.
Por que escolleron Vilalba?
Tanto a miña muller coma min levamos vivindo en Vilalba desde o 2007, ela co seu negocio aberto desde o 2015. Polo que temos a nosa vida xa montada aquí, e non víamos un mellor sitio para empezar este novo proxecto que no lugar onde vivimos
Como xurdiu a idea?
Eu estudei hostalaría en Lugo e desde o 2003 ata o 2017 foi ao que me dediquei. Sempre estivo rondando na cabeza a idea dun negocio propio, no cal puidera elaborar e crear cousas, pero por circunstancias nunca se materializaba. No 2017 decidín estudiar pastelería e formarme nese sector, e despois de traballar nalgunha pastelería, vin que podía xuntar a miña experiencia na hostalaría co que estaba aprendendo en pastelería e abrir un negocio, pero chegou a pandemia e pospúxose todo ata finais do 2020, que foi cando apareceu esta oportunidade.
Que tipo de produtos venden?
Temos unha selección de bollería, que abarca croissants, croissants recheos, napolitanas, pan suisse, rolls, croipan, etc... E proximamente sacaremos algunha cousiña máis. Despois, temos unha selección de pastelería pequena de luns a venres e máis ampla as fins de semana, todo elaborado en fresco día a día. Sen esquecer as tartas por encarga.
"Estamos facendo probas para algunha novidade que meteremos proximamente"
Que particularidade teñen os seus produtos?
Creo que a particularidade é que elaboramos un produto fresco, con moi boas materias primas, e facémolo todos os días. Nós non abrimos polas tardes e moita xente que nos chega a última hora quere ver variedade, pero nós cremos que o mellor é comer un pastel acabado de facer e elaborado, por iso sempre recomendamos que nos reserven.
Cal é o seu selo distintivo?
Eu creo que o que nos diferenza é apostar por unha pastelería artesá máis saudable, baixando as cantidades de azucre, utilizando graxas de calidade sen aditivos. Apostar por un obradoiro artesán no que o que salga del teña sabor e unha presentación diferentes.
Cales son os máis demandados?
A bollería sen dúbida é o máis demandado, despois o hoxaldre e as cañas. De pasteis non poderíamos dicir un, porque a verdade é que o que fomos sacando de novidades tivemos moi boa aceptación.
Que tipo de clientela é a máis habitual?
Abarcamos un amplo rango, porque podemos ter a primeira hora traballadores que entran ou saen dos seus postos de traballo, xente nova, de mediana idade, xente que leva para a casa o almorzo ou pasteis, etc.
Cales son as últimas novidades que teñen?
Agora mesmo estamos xa pensando na Pascua e facendo probas para algunha novidade que meteremos proximamente. Tamén estamos co cambio de carta, que faremos por marzo ou abril máis ou menos.
Que proxectos teñen de cara ao futuro?
Ben, creo que de momento asentar este proxecto, que só leva 5 meses funcionando, deixalo medrar. É verdade que temos máis proxectos en mente para pór en marcha neste sector, pero de momento estamos centrados en que a xente nos siga coñecendo, e seguir ofrecendo cada día máis produtos, que temos para sacar bastantes cousiñas de cara a este ano xa.