Aprazada a Moexmu 2021

TerraChaXa
A XXXVII edición da Moexmu, cuias datas previstas de celebración eran os vindeiros 9, 10 e 11 e abril, vén de ser aprazada.
moexmu cospeito muimenta
24 Feb 2021

A XXXVII edición da Moexmu, cuias datas previstas de celebración eran os vindeiros 9, 10 e 11 e abril, vén de ser aprazada pola organización da mesma debido á situación sanitaria.

Os responsables do evento mantiveron varias reunións nos últimos días, como co novo presidente da Africor Lugo, Manuel Sandamil, con representantes das Administracións que colaboran coa organización da feira veterana da comarca Chairega (Concello de Cospeito, Deputación Provincial de Lugo e Xunta de Galicia), con patrocinadores do concurso de gando (Progando, Clun – Cooperativas Lácteas Unidas, Hermanos Falcón, etc), así como coa directiva da Asociación Can de Palleiro e membros das diferentes comisións organizadoras.

"Debido ás circunstancias que se seguen a vivir e relacionados coa covid-19 e ás recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias, decidiuse o aprazamento da XXXVII Mostra Exposición de Muimenta –Moexmu, así como de todas as actividades que leva parellas (concurso, exposición e poxa de gando selecto, que era o único que se celebraba na provincia dende fai unha década; ademáis do concurso de Can de Palleiro, que era puntuable para o campionato galego), actividades que se esperaban poder levar a cabo dentro do programa", indican.

As datas previstas para a Moexmu serían as do fin de semana posterior á Semana Santa. "Nestas circunstancias, fai máis aconsellable aprazar a súa celebración, xa que nesas datas festivas pode producirse unha maior mobilidade (aínda que en menor medida que no Nadal)".

Non descartan poder realizar a Moexmu ao longo do ano. "Se esto fose posible, sempre se fará primando a saúde e anunciando as datas e programa con tempo suficiente", explicaron.

"Agradecemos infinitamente a compresión de todos os afectados por este aprazamento: expositores, gandeiros, patrocinadores, colaboradores, visitantes, veciñanza,... xa que sabemos que comparten con nós que debe primar a saúde de todos ante calquer outra circunstancia".

0.17903709411621