Aprazada para o 16 a charla sobre os dereitos dos gandeiros organizada en Muimenta

A Casa da Cultura de Muimenta acollerá o martes 16 de decembro, ás 16.30 horas, unha charla informativa dirixida a gandeiros e exgandeiros que desenvolveron a súa actividade entre os anos 2000 e 2013. O encontro ten como obxectivo explicar a situación derivada da manipulación dos prezos do leite durante ese período e ofrecer orientación sobre os dereitos que as persoas afectadas poden reclamar.
A charla estaba prevista para hoxe, martes, pero foi aprazada debido ao pasamento de Tino Méndez, que foi presidente dunha das comisións da Moexmu.
A iniciativa está organizada pola Asociación de Empresarios de Muimenta e conta coa colaboración dos despachos Vilanova, Jacobo Vázquez e Pérez-Batallón Avogados – 4atro Avogados, así como do Concello de Cospeito. A organización anima a todos os profesionais vinculados ao sector lácteo a asistir para obter información actualizada e resolver dúbidas sobre os posibles pasos a seguir.