Aprazadas as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial de Expomar 2020

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Fundación Expomar anuncia que, debido á situación do estado de alarma no que se atopa España, como consecuencia da actual pandemia do coronavirus (Covid-19), decidiuse aprazar a celebración das súas XXVII Xornadas Técnicas e XXI Encontro Empresarial, que ían ter lugar en Burela os días 28 e 29 de maio.
13 Abr 2020

A Fundación Expomar anuncia que, debido á situación do estado de alarma no que se atopa España, como consecuencia da actual pandemia do coronavirus (Covid-19), decidiuse aprazar a celebración das súas XXVII Xornadas Técnicas e XXI Encontro Empresarial, que ían ter lugar en Burela os días 28 e 29 de maio. 

Este aprazamento foi analizado desde tódolos puntos de vista por parte dos membros do Comité Organizador de Expomar 2020, que considera que é a mellor decisión para os axentes implicados. As Xornadas e o Encontro Empresarial aprázanse indefinidamente, pendentes de nova data segundo marquen a evolución dos acontecementos e as indicacións gubernamentais. 

O presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, explicou que “xa é habitual agora ir desprazando moitos eventos ou incluso anulalos. Nosoutros tíñamos previsto facer Expomar os días 28 e 29 do mes de maio, pero evidentemente tal e como están as circunstancias dado que non se poden facer reunións presenciais onde poida haber moita xente, entón decidimos trasladar esta cita a outra data, xa veremos cando, veremos cal é a mellor”. 

Llano dixo que “de momento imos agardar para ver como vai evolucionando a pandemia e en canto estea máis ou menos normalizada a situación e se poida xa calcular cando se fan estes eventos, determinaremos unha data que vaia ben para o conxunto do sector pesqueiro e para a xente que tiñamos previsto que viñera a dar as conferencias e a participar no encontro empresarial”.

O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela subliñou que “todo isto é moi importante para nosoutros, polo tanto imos tentar facelo este ano. Aínda que tradicionalmente se facía no mes de maio, pero se temos oportunidade de facelo noutro mes seguro que se fai. É unha pena que teñan que facerse estas cousas porque o tema da pesca está aquí na actualidade pero, evidentemente, penso que o máis importante agora mesmo é atallar canto antes a epidemia, que os casos sexan practicamente nulos ou que non haxa, entón será cando volverá a preocuparnos calcular unha data para facer esta nova edición das Xornadas Técnicas e do Encontro Empresarial de Expomar”.

As Xornadas Técnicas de Expomar son un foro de recoñecido prestixio que une ao sector, a administración e a prensa; que propoñen cada ano os temas de maior actualidade do sector pesqueiro e que destacan pola participación de importantes políticos de tódalas administracións, técnicos especialistas do sector e importantes investigadores e catedráticos de diversas universidades. Pola súa parte, o Encontro Empresarial reúne ás entidades máis representativas da flota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional. 

Debido á grande transcendencia das decisións que aquí se toman, sen dúbida esta próxima edición de 2020 converterase nunha das de maior relevancia dos últimos anos, xa que tocará debater a situación do sector pesqueiro xusto despois de superar a crise sanitaria do coronavirus e no momento de afrontar tódalas súas consecuencias socio-económicas. 

Ademais, desde a Fundación Expomar quérese lanzar unha mensaxe clara de apoio ao sector pesqueiro facendo propia a mensaxe que se lanza desde a Consellería do Mar: “Estamos no mesmo barco, merca produto fresco do mar”

-Cando mercas peixe fresco estás apoiando ás 40 lonxas que abren estes días as súas portas para ti. 

-Cando mercas peixe fresco estás apoiando ás máis de 10.000 mulleres e homes que saen a diario ao mar, ás praias e ás bateas para traer as case 700 toneladas diarias de alimento do noso mar nestes momentos. 

-Cando mercas peixe fresco fas posible que a viaxe das 2.000 embarcacións que están saindo dos seus portos a diario mereza a pena. 

-Cando mercas peixe fresco, estás dándolle ao teu corpo de xeito natural a vitamina D que non podemos obter do sol sen saír da casa estes días. 

O presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, advirte da importancia de seguir as recomendacións do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social e da Organización Mundial da Saúde para poñer freo á actual pandemia de Covid-19 e transmite unha mensaxe de concienciación a toda a poboación para quedar na casa e evitar estar expostos ao contaxio.

0.18957710266113