Aprobada por unanimide a proposta do BNG para que a billarda sexa recoñecida modalidade deportiva
Entre os asuntos tratados na Comisión primeira celebrada no Parlamento galego o martes 4 de xuño, foi aprobada por unanimidade a proposta do BNG defendida polo deputado nacionalista, Luís Bará para o “recoñecemento de modalidade deportiva do xogo tradicional a billarda”.
O acordo acadado polo BNG, inclúe desenvolver un plan de promoción deste xogo tradicional, con especial atención no “ámbito escolar” e espazos de competición no Plan de Infraestruturas Deportivas de Galiza.
O deputado nacionalista aceptou unha emenda do PP para que a Xunta abra un “proceso de diálogo coas entidades dos deportes tradicionais como os bolos celtas, a chave ou a loita” co fin de avaliar a posible creación dunha “Federación de Deportes Autóctonos Galegos”. En todo caso, afirmou Bará, o recoñecemento como modalidade deportiva é un paso previo e necesario para a creación da Federación. É sobre todo, “un gran paso adiante para darlle recoñecemento e visibilidade ao xogo da billarda”.
O nacionalista trasladou o recoñecemento do BNG ás persoas e colectivos que desde o ano 2003 traballaron na recuperación do xogo da billarda coa creación da Liga Nacional da Billarda que se organiza en tres Confederacións: A Norleste, a Noroeste e Rías Baixas.
Todos os grupos parlamentarios destacaron a importancia da práctica da billarda como manifestación do patrimonio cultural inmaterial, práctica social inclusiva desde o punto de vista xeracional e de xénero, e actividade deportiva que precisa o maior apoio institucional.