Aprobada a obrigatoriedade de incluír a procedencia no etiquetado do leite e derivados
O Consello de Ministros aprobou un real decreto que obriga a incluír no etiquetado do leite e os seus derivados o lugar de orixe.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, expresou a súa satisfacción pola decisión do Consello de Ministros, "dada a importancia que ten para os gandeiros da nosa provincia", e destacou que "este Goberno foi quen de aprobar en pouco máis de tres meses unha iniciativa que levaba moito tempo agardando o sector, pois estaba recollida no acordo lácteo asinado hai tres anos". A subdelegada do Goberno lembrou que se trata dunha medida fundamental para o sector lácteo galego e para os gandeiros da nosa provincia que porá en valor os nosos produtos, tanto o leite como os seus derivados, ao axudar a que os consumidores estean debidamente informados da procedencia dos produtos que adquiren.
O real decreto aprobado polo Consello de Ministros, a proposta do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas Puchades, establece a obrigatoriedade de que todos os lácteos detallen no seu etiquetado cal é a procedencia dos produtos. O Goberno atende así unha das grandes reivindicacións do sector gandeiro e dos sindicatos agrarios galegos e lucenses.
A garantía dunha información veraz ao consumidor sobre o lugar de procedencia dos produtos foi un dos grandes piares do acordo lácteo asinado en setembro de 2015 para facerlle fronte á grave crise do sector lácteo. Gandeiros e sindicatos do sector denunciaron reiteradamente o prexuizo que lles ocasionaba a entrada masiva de leite a baixo prezo procedente doutros países europeos como Francia e Portugal, que era envasado aquí de maneira que o consumidor compraba leite e derivados lácteos descoñecendo que a súa orixe non era galega.