Aprobada a Relación de Postos de Traballo no Concello das Pontes

O Pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe a primeira Relación de Postos de Traballo (RPT) da historia do municipio, marcando un momento histórico para a administración local.
A RPT organiza a estrutura municipal, clarifica funcións e responsabilidades e garante unhas condicións laborais máis xustas para todo o persoal. Inclúe melloras salariais entre o 3,4% e o 6,6% e recoñece funcións que ata agora non estaban formalmente recollidas, asegurando unha distribución equilibrada e digna para o conxunto do persoal.
Durante a sesión plenaria, a concelleira responsable de persoal, Ana Pena, destacou que “coa aprobación definitiva desta RPT cúmprese unha demanda histórica e reflicte o espírito de colaboración co persoal e os seus representantes, que participaron activamente na súa elaboración e revisión. É un día histórico para As Pontes: permite modernizar a administración, mellorar as condicións laborais e reforzar a calidade dos servizos á veciñanza”.
A RPT inclúe o organigrama municipal actualizado, fichas descritivas de cada posto e unha valoración das funcións e responsabilidades, adaptando a administración ás necesidades actuais. Ana Pena engadiu que “esta ferramenta consolidará un cadro de persoal estable, profesionalizado e mellor organizado, garantindo que todos dispoñan dos recursos necesarios para desempeñar o seu labor con garantías”.
Pola súa banda, o alcalde, Valentín González Formoso, subliñou que “a RPT permitirá organizar ao persoal, clarificar responsabilidades e mellorar a coordinación interna, repercutindo directamente na calidade dos servizos que recibe a veciñanza e cumprindo un compromiso histórico do equipo de goberno”.
Con esta aprobación, o Concello das Pontes dá un paso decisivo cara á profesionalización da administración local, á mellora das condicións do persoal e ao reforzo dos servizos públicos, avanzando cara a un modelo de xestión máis moderno, eficiente e transparente. A entrada en vigor da RPT coincidirá coa aprobación do orzamento 2026.