Aprobada unha declaración institucional que solicita a reapertura do centro de saúde de Parga
O Concello de Guitiriz celebrou un pleno extraordinario no que se aprobou por unanimidade unha declaración institucional en apoio á veciñanza de Guitiriz e solicitando a reapertura total do centro de saúde de Parga.
As mobilizacións continuarán o próximo xoves, 9 de xullo. A veciñanza de Guitiriz desprazarase de novo a Lugo, para manifestarse a partir das 10 horas na explanada do Hospital Lucus Augusti. Haberá buses gratuítos para aqueles interesados en participar.
O contido da declaración é o seguinte:
"Ante a situación de peche parcial que vive actualmente o consultorio de Parga, co detrimento que isto supón na atención sanitaria, o Concello de Guitiriz quere expresar o seu completo respaldo ás peticións dos veciños e reclamar á Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade e ó Sergas a restauración do normal funcionamento do centro.
Durante a crise sanitaria xerada polo coronavirus, o concello de Guitiriz actuou guiado por dous únicos principios: a defensa da saúde dos nosos veciños e a lealdade institucional, cooperando dun xeito pleno co resto das administracións do Estado.
Por iso aceptamos a proposta formulada polo Sergas de trasladar temporalmente ó persoal que presta servizos no consultorio de Parga – dous médicos, un ATS e un PSX - ó centro de Saúde de Guitiriz. Entendíamos que nese momento, a concentración do persoal sanitario podía contribuír a mellorar a xestión das medidas necesarias durante a pandemia.
Por iso lamentamos que, despois desta aposta pola colaboración, e unha vez retomada a normalidade, o Sergas manteña pechado o consultorio de Parga. O centro funciona só cun horario reducido, dous días á semana, para extracción de sangue. Esta situación supón o incumprimento do compromiso adquirido polo Sergas durante a crise do Covid, cando se falou só dun traslado temporal do persoal. É está xerando unha clara incomodidade para os case 1.700 usuarios do Consultorio nun Concello cunha gran extensión territorial (294 km2) e unha poboación moi dispersa e avellentada, que ven como o seu sacrificio e colaboración na xestión da pandemia é respondido pola Xunta cunha mingua na calidade da atención médica que reciben e o desmantelamento do seu consultorio de referencia.
As autoridades do Sergas alegan agora como motivo para manter o peche inxustificado do consultorio de Parga supostas deficiencias no edificio. O concello de Guitiriz, tense comprometido a facer as reparacións de mantemento oportunas, reparacións que, por certo, son moito menores do que alega o Sergas. E cumpre recordar que o concello asume xa o custo de todos os gastos do Consultorio (electricidade, auga, calefacción, xardinería, limpeza interior e exterior), agás do persoal sanitario e administrativo.
O concello de Guitiriz quere mostrar polo tanto o seu rexeitamento a un comportamento que aproveita as medidas excepcionais que foron necesarias para loitar contra o Covid – e que todos respaldamos – para xustificar un novo episodio de recortes na sanidade do rural.
Queremos que todos os nosos veciños teñan acceso a unha sanidade pública, gratuíta e de calidade. Queremos unha sanidade que teña en conta o carácter rural do noso municipio e que garanta a percepción dos servizos con independencia do lugar de residencia. Se queremos frear a despoboación, apostar polo futuro do rural e contribuír ó seu desenvolvemento social e económico, os servizos públicos de calidade son un eixo fundamental.
Por iso, o concello de Guitiriz realiza esta declaración institucional para reclamar á Xunta a reapertura inmediata do consultorio de Parga e a restitución de todos os servizos sanitarios que se viñan prestando nel, así como a garantía de que estes servizos, e a actual dotación de plantilla, se manterán no futuro".