Aprobadas as axudas de Medio Rural da Deputación á prevención de lumes

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Aprobadas as axudas de Medio Rural á prevención de lumes, que contribuirán ao desenvolvemento de 25 proxectos de pastoreo
incendio courel
10 Dec 2022

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a resolución provisional das achegas do programa O que non arde na presente anualidade.

A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución das axudas ao silvopastoreo convocadas pola área de Medio Rural no marco do programa de prevención de lumes O que non arde.

As achegas, dirixidas a ganderías de ovino, cabrún e porcino, contribuirán a consolidar vintecinco proxectos de pastoreo en extensivo en terreos agrícolas e forestais, cun investimento total de 60.000 euros.

A deputada Mónica Freire explicou que “se recibiron máis de medio cento de solicitudes, que se avaliaron dacordo cos criterios establecidos nas bases, resultando 25 beneficiarios, que están a desenvolver proxectos de pastoreo en distintos puntos do territorio da provincia” e remarcou que “por terceiro ano consecutivo esgotamos o orzamento destinado ao programa demostrando que,  traballando da man dos gandeiros e gandeiras e atendendo ás necesidades que formulan, se pode avanzar cara a un modelo de xestión do monte que fomente a actividade produtiva e prime o coidado e a conservacións do territorio, actuando como barreira fronte a ameaza dos incendios”.   

Segundo se recolle na resolución aprobada, que se publicará mañá sábado no Boletín Oficial da Provincia, entre as entidades beneficiarias figuran 21 ganderías, que levarán a cabo investimentos na adquisición, reparación ou instalación de valados fixos ou móbiles e pastores eléctricos, así como doutros elementos como curros, mangas de manexo e comedeiros e bebedeiros móbiles para facilitar o manexo e rotación do gando.

Neste capítulo, fináncianse tamén deseños e actuacións innovadoras nos peches e elementos auxiliares para o silvopastoreo, como  o deseño e construción dun refuxio modular e desmontable para o gando ou a instalación de mallas de control de malas herbas que impidan o crecemento de vexetación que poida derivar a corrente eléctrica xunto aos peches.

Tamén se benefician das axudas catro asociacións gandeiras, que están xa na actualidade implementando pprogramas de asesoramento e fomento do silvopastoreo cos seus asociados, trasladando esta formación a centos de gandeiros e gandeiras espallados ao longo de toda a provincia.

0.179927110672