Aprobadas as condicións da actividade agrogandeira durante a emerxencia sanitaria

TerraChaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o día 24 unha
25 Mar 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o día 24 unha orde da Consellería do Medio Rural pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co Covid-19. A disposición céntrase na venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados que se realizan nos concellos, na venda ao por menor de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e no desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.

Así, en relación co primeiro aspecto -a venda directa de produtos do agro nos mercados galegos-, a orde establece que queda prohibida ata o 31 de marzo a celebración dos devanditos mercados tradicionais. Non obstante, o levantamento ou mantemento desta prohibición despois desa data poñerase en coñecemento da cidadanía a través da páxina web da Consellería do Medio Rural. En troques, fomentarase a venda de produtos agrícolas e gandeiros por medios alternativos que non impliquen presenza física, como por vía telefónica, con realización de pedidos a través da rede on line (correo electrónico) ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor, e que eviten o desprazamento de persoas pola vía pública.

Cando se levante esta prohibición, a venda directa nos mercados limitarase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros. Establécense unha serie de normas específicas, entre elas que os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros, permitíndose unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición ao tresbolillo (en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venta estea enfrontado a outro).

Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física. Ademais, recoméndase aos responsables dos postos poñer a disposición da clientela luvas desbotables. En todo caso, será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venda e recoméndase contar con dispensadores de xel desinfectante para uso, tanto das persoas vendedoras como das persoas usuarias, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

Na orde sinálase tamén que as persoas vendedoras serán as titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación. En canto ás persoas usuarias, establécese que a distancia mínima entre elas será de 2 metros, coas excepcións que establece ao efecto a normativa estatal.

Con respecto á limpeza e recollida, os refugallos xerados polo mercado deberán ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados ao efecto polos servizos municipais de limpeza e recollida de lixo, e en todo caso observar as determinacións que ao respecto se establezan nas ordenanzas ou bandos municipais.

Venda de produtos vexetais

Sobre a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, os establecementos que vendan os referidos produtos non se  atoparían afectados pola suspensión de apertura decretada, de acordo coa normativa. Ademais, sen prexuízo da venda en establecemento, esta poderá realizarse tamén de xeito ambulante, con desprazamento das persoas vendedoras ás localidades onde teñen aos seus clientes. As persoas vendedoras deberán dispoñer do carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios, que poderá esixírselles como acreditación. Igualmente, a acreditación polas persoas compradoras de produtos vexetais con destino á plantación en hortas, farase co referido documento.

Desprazamentos

Por último, a orde que hoxe publica o DOG determina tamén que  as persoas agricultoras e viticultoras profesionais e os seus traballadores poderán efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e dos viñedos. Para os efectos desta disposición,  terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Para a acreditación do carácter de agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse a ese rexistro para efectuar calquera comprobación que estimen oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe cando se dan de alta nos rexistros.

No que atinxe ás persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados de autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais, e polo tanto non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos ditos cultivos e viñas, sen que o desprazamento poida supoñer unha distancia superior a 500 metros da súa vivenda habitual. Ademais, en ningún caso poderá haber máis de dúas persoas na parcela e estas deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.

En relación coa acreditación da necesidade de desprazamento, nas actividades agrarias consideradas de autoconsumo poderá realizarse coa presentación do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios. No caso das persoas viticultoras, poderán acreditalo co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe cando se dan de alta nos rexistros.

Enlace á orde:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200324/AnuncioG0426-230320-1_gl.html

0.16781497001648