Aprobado o orzamento da Deputación para o Plan Único 2019

TerraChaXa | AMariñaXa
27 Feb 2019

O Pleno da Deputación aprobou este martes as bases e orzamento do Plan Único 2019 cos votos a favor de PSOE, BNG e PP e co voto en contra do Deputado non adscrito. Supón a inxección de 21 millóns de euros nos 67 Concellos da provincia en base á superficie, poboación, taxa de envellecemento e núcleos de poboacionais de cada municipio. Son os criterios obxectivos de distribución de fondos, que supoñen achegas máximas de 500.000 euros en Concellos como Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro e Sarria, e duns 200.000 en municipios como Rábade, Negueira de Muñiz ou Triacastela.
O Presidente, Darío Campos Conde, detallou que “coas tres pasadas anualidades, levamos 52 millóns aos 67 Concellos con esta programación. Este investimento permitiu executar máis de 900 obras en estradas, rúas, traídas de augas, instalacións deportivas, culturais..., ofrecer 600.000 horas de atención profesional a 2.500 maiores co SAF Básico ou contribuír á celebración duns 4.000 eventos turísticos, deportivos ou culturais no conxunto do territorio lugués”. Campos Conde subliñou que “hoxe é un día de alegría. A aprobación do Plan Único 2019 é a mellor noticia para a provincia, pois achegamos outros 21 millóns para continuar este traballo, inxectando un total de 73 millóns nos 67 Concellos neste mandato só a través do Plan Único”.
Os Concellos destinarán como mínimo o 50% dos fondos que lle corresponden a novos investimentos. Isto supón que cando menos 10,5 millóns serán para este fin, investimento que todos os anos os municipios deciden incrementar. Outro mínimo de 1,5 millóns é para o financiamento do SAF Básico ou Servizo a Domicilio a persoas non dependentes. Os Concellos tamén poden aumentar este orzamento, atendo ás necesidades dos maiores. O ano pasado fíxose ata os 1,8 millóns. Os restantes 9 millóns poden destinarse a políticas de emprego, actividades turísticas, deportivas e culturais, administración electrónica ou aos grupos de protección civil.

CAMPUS TERRA

O Executivo Provincial presentou unha moción ao Pleno da Deputación en defensa de Enxeñería Civil, Enxeñería de Procesos Químicos, Enxeñería Forestal e do Medio Ambiente e de Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria no Campus Terra. Fíxoo logo de que a USC confirmase que a Consellería de Educación propón suprimir da universidade lucense os graos de Químicas e Civil, e compartir Forestais con Pontevedra, e Agrónomos con Ourense. A Xunta de Galicia non desmentiu isto. A moción do Grupo Provincial Socialista que ostenta o Goberno da Deputación de Lugo foi rexeitada debido aos votos en contra dos 12 Deputados do Partido Popular e do non adscrito.
O voceiro do Executivo Provincial, Álvaro Santos Ramos, destacou que “o Partido Popular trata de confundir á cidadanía. Non nos estamos a referir á folla de ruta acordada para 2017-2021, que xa incluía a incorporación de Robótica, Empresa e Tecnoloxía, Xestión Cultural e Bioquímica tras suprimir Enxeñería Xeomática e Topografía, Xestión de Pymes, Lingua e Literatura e Difusión Cultural. Falamos dunha nova reestruturación, que plantexa o propio Secretario Xeral de Universidade, José Alberto Díez de Castro, e que vai máis alá da acordada ata 2021. Ninguén da Xunta e do Partido Popular desmentiu isto, nin dixo con contundencia que non se vai a suprimir Procesos Químicos e Civil, e que non vaimos a compartir a actividade docente e formativa de Forestais con Pontevedra e de Agrónomos con Ourense”.
Santos Ramos remarcou que coa moción “rexeitamos que se suprima Enxeñería Civil e Procesos químicos sen unha planificación clara de que é o que vai a facer entorno a este escurantismo; e rexeitamos totalmente que se comparta Forestais ou Agrónomas con Ourense ou con Pontevedra en detrimento do Campus Terra”.
COMISARÍA DE POLÍCIA
O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade a proposta do Executivo Provincial para dotar de máis efectivos á Comisaría Provincial de Lugo e, polo tanto, reclamar á Dirección Xeral de Policía, dependente do Ministerio do Interior, unha dotación de persoal acorde ao catálogo para a Policía Nacional, coa incorporación, canto menos, de 10 Policías, 2 Oficiais e 5 Subinspectores.
O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, explicou que “traemos ao Pleno esta moción visto que no borrador do ‘Concurso Xeral de Méritos 2019’, exposto pola Dirección Xeral da Policía, non se asigna ningunha das 133 prazas previstas para Galicia á Comisaría Provincial de Lugo”.
Segundo datos achegados polos principais sindicatos do Corpo Nacional de Policía a situación na Comisaría Provincial de Lugo en canto a efectivos é a seguinte:

  1. a) Na Escala Básica (policías e oficiais) existe un déficit do 14,75%, é dicir de 147 prazas contempladas por catálogo para “Policías” están vacantes 19; en “Oficiais” o déficit ascende ao 28%, estando vacantes 5 das 18 prazas previstas.
  2. b) Na Escala de Subinspectores prodúcese un déficit do 40%, estando vacantes 10 das 25 prazas planificadas.
  3. c) Na Escala Executiva (Inspectores e Inspector Xefe), o déficit é do 35% en Inspectores, 7 prazas vacantes das 20 estipuladas por catálogo; e 16,5% de déficit para Inspector Xefe, 1 praza vacantes das 6 contempladas.
  4. d) En canto á Escala Superior (Comisario) o déficit é do 50%, estando vacante 1 das 2 prazas estipuladas.

Santos Ramos subliñou que “a ninguén se lle escapa que, polo seu emprazamento e pola propia condición de Provincial, a Comisaría de Lugo é a que máis recursos humanos precisa para manter o nivel de excelencia profesional que caracteriza este corpo. Por tanto, baseándonos nos datos oficiais do catálogo e, sen pretender unha cobertura do 100% das prazas existentes, sería necesario para a Comisaría Provincial de Lugo, incrementar a súa dotación en 10 Policías, 2 Oficiais e 5 Subinspectores. Sen esquecer a necesidade de creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) coma no resto de provincias galegas”.
O seu volume de traballo é inxente e sometido aos constantes desafíos dunha sociedade cambiante, globalizada e cada vez máis tecnificada, onde a delincuencia opera en múltiples niveis organizativos e redes de comunicación nas que a prevención e detección require unha especialización extrema apoiada por un volume de efectivos cuxo número require ser aumentado para poder dar unha resposta integral e efectiva.
Así, chegouse aos seguintes acordos:
-  Rexeitar a proposta de borrador do “Concurso de Méritos 2019” no que á Comisaría Provincial de Lugo non se lle asigna ningunha praza e instar á Dirección Xeral de Policía, dependente do Ministerio do Interior, á dotación de 10 Policías, 2 Oficiais e 5 Subinspectores na Comisaría Provincial de Lugo, neste proceso.
- Instar á Dirección Xeral de Policía, dependente do Ministerio de Interior, a crear e dotar de inmediato unha UPR, coma no resto de provincias galegas.
- Dar traslado do presente acordo tanto á Dirección Xeral de Policía como ao Ministerio de Interior.

0.18249201774597