Aprobado o plan de xestión da Reserva Terras do Miño para os próximos dez anos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A asociación cultural e deportiva A Fortaleza Sport, o club de marcha nórdica Nordic Walking Lugo e a asociación de veciños de San Cosme de Nete son as novas integrantes
organo-participativo-terras-do-mino
Reunión do órgano directivo
18 Jun 2024

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presidiu este martes no salón de actos do Pazo de San Marcos os órganos reitor e participativo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola institución provincial. O encontro serviu, entre outras cuestións, para a incorporación de tres novos membros ao órgano de participación, superando as 60 entidades, e para a aprobación definitiva do Plan de Xestión da Reserva para o período 2024-2034.

Na reunión, Pablo Rivera anunciou a incorporación de tres novos membros nos órganos participativos da Reserva logo de que as solicitudes de ingreso foran aprobadas polo órgano reitor. Desta maneira, incorpóranse a asociación cultural e deportiva A Fortaleza Sport, o club de marcha nórdica Nordic Walking Lugo e a asociación de veciños de San Cosme de Nete. Pablo Rivera valorou positivamente que xa sexan máis de 60 entidades as que integren o órgano de participación da Reserva Terras do Miño, “uns datos que non deixan de medrar e que demostran o traballo constante que fai a institución provincial por involucrar o tecido asociativo na toma de decisións do desenvolvemento sostible do territorio”.

Ademais de Rivera Capón, tamén participaron o deputado de Medio Ambiente, Carlos López; o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; e a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; así como de técnicos provinciais da área de Medio Ambiente.

Así mesmo, o deputado informou ao órgano participativo de Terras do Miño da proposta definitiva do novo Plan de Xestión da Reserva para o período 2024-2034, logo da fase de exposición pública e a consulta técnica a través das mesas sectoriais. Un plan que determina as actuacións prioritarias nas que este espazo natural centrará o seu traballo durante os próximos 10 anos e que contará con fondos propios da Deputación dun total de 1,3 millóns de euros para o período comprendido entre o 2024 e o 2034.

SINDICATO LABREGO GALEGO

A vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no órgano de participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Margarida Prieto Ledo, interveu na reunión desta entidade para reiterar a necesidade de proceder á valoración do impacto de diversos proxectos sectoriais integrados -e os que eventualmente poidan integrarse- nestes territorios protexidos, incluídos os proxectos industriais en tramitación -na súa meirande parte polígonos eólicos, fotovoltaicos e explotacións mineiras- a fin de avaliar a ameaza real sobre estas áreas protexidas.

Durante a súa intervención fixo fincapé nas alegacións presentadas tanto polo SLG-CCLL como por outros colectivos sociais ao respecto da pertinencia de incorporar no Plan de xestión para a década 2024-2034 as recomendacións nesta materia recollidas no “Informe sobre Viabilidade Das Instalacións Eólicas, Fotovoltaicas e Termosolares, incluida particularmente a repotenciación e infraestruturas asociadas nos territorios declarados Reserva da Biosfera no territorio do Estado”, elaborado polo Consello científico do Comité español do Programa “Home e Biosfera” (MAB) da Unesco, e elaborado precisamente a raíz das denuncias realizadas por varias entidades sociais galegas, incluído o SLG.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16923403739929