Aprobado o proxecto de renovación do parque da rúa da Emigracion
O Concello de Vilalba vén de aprobar no pleno extraordinario o proxecto para executar a renovación do parque infantil situado na intersección entre a rúa da Emigración e a rúa de Ribadeo.
Logo de que o goberno local presentara dito proxecto a unha convocatoria de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e acadara unha subvención por importe de 35.778,56 euros, a Concellería de Infraestruturas Urbanas presentou hoxe ante o pleno o proxecto, que foi aprobado por maioría absoluta.
En consecuencia, o goberno local sacará a licitación a obra nas vindeiras semanas, que incluirán a colocación dunha corda tirolesa de 25 metros de lonxitude, así como a reparación e reinstalación dos xogos existentes, que se complementará co cambio de localización do mobiliario co que conta actualmente o parque infantil.
"Con esta obra poderemos dar resposta a unha das peticións que nos fixeron os nenos e nenas que forman parte do Consello da Infancia e da Xuventude e ao mesmo tempo acondicionar o espazo para dotalo de maior seguridade e integración coa contorna", explicou a alcaldesa, Marta Rouco.
Para lograr dita integración coa contorna, a empresa adxudicataria deberá levar a cabo a retirada da valla perimetral actual, deixando libre o actual acceso dende a Rúa Novo Cazón e engadindo dúas novas entradas na rúa da Emigración e na rúa de Ribadeo mediante unhas soleiras de formigón.
Pola súa banda, os traballos tamén incluirán a demolición e retirada do actual pavimento amortecedor e ás soleiras de formigón que conforman a súa base, para logo instalar un novo pavimento de seguridade “con acabado de céspede artificial, que se integrará á perfección co aspecto visual das inmediacións do parque”, explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.
Finalmente, Rouco apuntou que "o orzamento das obras complementarase cunha achega municipal de 15.333,67 euros que permitirán lograr o aspecto desexado e formulado no proxecto".