Aprobado o proxecto para completar a renovación da estrada entre Friol e Palas de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Trátase de mellorar os outros 9,3 quilómetros de lonxitude que conforman a LU-231, entre Castrelo e A Baiuca
obras-estrada-friol-palas
28 Oct 2025

O Consello da Xunta aprobou hoxe definitivamente o proxecto de construción da mellora da LU-231, no treito comprendido entre Castrelo e A Baiuca, no enlace coa autovía A-54, que suporá un investimento de preto de 4,8 M€.

Este nova actuación do Goberno galego daralles continuidade ás obras xa executadas no treito inicial de 9,4 quilómetros desta vía autonómica, entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo. Con esta nova actuación, o Goberno galego completará a mellora integral dos 18,7 quilómetros de lonxitude da estrada entre Friol e A Baiuca, que sumará en total un investimento autonómico de máis de 7,5M€.

En concreto, o proxecto aprobado hoxe comprende a mellora dos outros 9,3 quilómetros de lonxitude que conforman a estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 9+400 (Castrelo) e o 18+700 (A Baiuca, no enlace coa A-54), no termo de Palas de Rei.

Neste caso, trátase de levar tamén a cabo a ampliación da plataforma da estrada ata os 8 metros e de mellorar o trazado das curvas máis pronunciadas, con raios insuficientes, coa finalidade de darlle coherencia ao trazado. Deste xeito, a intervención nova intervención incide na seguridade viaria e en proporcionar desprazamentos máis cómodos aos veciños.

Na intervención inclúense 9 obras de drenaxe transversal e, como actuacións complementarias, a restauración vexetal dos noiros de contornos fluviais, onde se sitúan as obras de drenaxe transversal mediante o estendido de terra vexetal (obtida da propia obra) e a plantación de especies leñosas autóctonas.

Tamén se reporán os firmes e pavimentos, se incorporarán as medidas de sinalización e balizamento necesarias para a seguridade viaria e se restituirán os servizos que resulten afectados.

A aprobación definitiva deste proxecto no Consello da Xunta comporta tamén a declaración de utilidade pública, polo que se dispón a urxente ocupación dos 235 predios necesarios para executar esta intervención.

Os orzamentos da Xunta deste ano reservan xa 2M€ para este eixe Friol-Palas de Rei- Begonte, que suporá unha mellora que permitirá conformar, xunto coa estrada provincial LU-P-1611, un eixe norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 en Palas de Rei a A-6 en Begonte, nun punto próximo ao enlace coa A-8, favorecendo a competitividade.

O Goberno galego segue a amosar a súa aposta por infraestruturas vertebradoras e transformadoras no interior da Comunidade, que favorecen unha Galicia mellor conectada, mellorando e favorecendo ao tempo o desenvolvemento do medio rural.

⚙ Configurar cookies
0.068147897720337