Árbol celebra esta fin de semana as súas festas patronais con música, baile e sorpresas

A parroquia de Árbol, en Vilalba, vivirá esta fin de semana dous días de celebración con motivo das súas festas patronais. A comisión organizadora, formada por Patricia Díaz, Tamara García e Paula Seoane, deseñou un programa dirixido a veciños e visitantes que terá como epicentro o Campo da Festa, situado xunto á igrexa parroquial.
Os festexos arrancarán o sábado ás 13:30 horas cunha misa e a posterior procesión, que contará co acompañamento musical da agrupación local Cerna de Árbol. O mesmo grupo será o encargado de abrir a música e o baile na sesión vermú, na que tamén participará o grupo Punto Clave. Pola noite, Punto Clave e a histórica orquestra Gran Parada protagonizarán a verbena.
O domingo, día grande en honra a San Lourenzo, a programación repetirase coa misa e a procesión, seguidas dunha sesión vermú con Cerna de Árbol e a Orquestra Pontevedra. Á noite, a verbena correrá a cargo desta última formación, poñendo o broche final ás festas.
Desde a comisión anuncian que haberá algunha sorpresa para todos os públicos e expresan o seu desexo de que a veciñanza desfrute dunha fin de semana inesquecible.