Árbol convoca clases de zumba e de calceta, costura e gancho

A Asociación Cultural e Deportiva de Árbol vén de anunciar dúas novas actividades que se poñerán en marcha nas vindeiras semanas, co apoio do Concello de Vilalba e da Deputación de Lugo. Trátase dun curso de calceta, costura e gancho, así como das xa consolidadas clases de zumba, dúas propostas que buscan fomentar a participación veciñal e o aproveitamento do tempo libre a través de actividades creativas e saudables.
O curso de calceta, costura e gancho comezará o 5 de novembro e desenvolverase os mércores de 17:30 a 19:30 horas. As persoas interesadas poderán aprender ou perfeccionar técnicas tradicionais de confección téxtil nun ambiente ameno e colaborativo. As prazas son limitadas e as inscricións poden realizarse a través do teléfono 617 62 60 03 (Bea).
Pola súa parte, as clases de zumba retomáronse este mes e terán lugar os luns ás 22:00 horas na Escola do Santo. Trátase dunha actividade dirixida a todas aquelas persoas que queiran mellorar a súa forma física dun xeito divertido, combinando baile e exercicio. As inscricións tamén están abertas, podendo contactar cos números 617 62 60 03 (Bea) ou 655 58 21 71 (Paula).
Ambas iniciativas confirman o compromiso da Asociación Cultural e Deportiva de Árbol coa dinamización social e cultural da parroquia, ofrecendo alternativas que promoven tanto o benestar persoal como o encontro entre veciños e veciñas.