Arcillá celebra as festas na honra a San Roque con música, verbena e tradición

A parroquia de Arcillá, no concello de Cospeito, prepárase para vivir unha nova edición das súas tradicionais festas na honra a San Roque, que terán lugar os días sábado 25 e domingo 26 de outubro. O evento, organizado coa colaboración das comisións de Sisoi, Bestar e Ponte Vilar, promete dous días cheos de ambiente, música e confraternidade veciñal.
O sábado 25 celebrarase a misa solemne ás 13:30 horas, seguida da procesión e da sesión vermú amenizada pola orquestra Suavecito. Xa pola noite, veciños e visitantes poderán desfrutar dunha gran verbena coa mesma orquestra e co DJ Francis, que porá o ritmo máis moderno á festa.
O domingo 26, repetirase o programa relixioso coa misa solemne e procesión ás 13:30 horas, seguida dunha animada sesión vermú a cargo do dúo Élite. Despois terá lugar unha comida baixo carpa, servida polo Bar Fénix, cun menú composto por empanada, xamón cocido, polbo, churrasco mixto con criollo, bebida, sobremesa, café e gotas. Os menores de 6 anos comerán de balde, mentres que o prezo será de 17 euros para nenos de 6 a 12 anos e 34 euros para adultos.
Ao rematar a comida, continuará o baile tamén co dúo Élite, poñendo o broche final a unhas festas que prometen diversión e bo ambiente ata o último momento.
As persoas interesadas en participar na comida poden adquirir os tíckets nos teléfonos 610 995 273 e 608 589 136 ata o mércores 22 de outubro, data límite para anotarse.