Aresa e a USC poñen en marcha a edición 2017 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O reitor Juan Viaño e o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinaron este mércores o convenio de colaboración que pon en marcha a edición do ano 2017 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. No acto celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome en Santiago de Compostela tamén estivo presente o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema.
A sinatura protocolaria do acordo inicia os preparativos dunha nova convocatoria deste recoñecido galardón co que Aresa e a USC premiada cada ano aquelas iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.
Os asinantes coincidiron en sinalar a relevancia acadada por este galardón, que “superou as expectativas dos seus promotores en canto ao seu asentamento e recoñecemento pola sociedade galega, alcanzando grande importancia tanto polos currículos dos premiados como pola súa dotación económica”, como explicou Juan Viaño. O premio constitúe igualmente “un bo exemplo de colaboración entre empresa e universidade”, engadiu o reitor.
Pola súa banda, o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, apuntou a necesidade de seguir apoiando este tipo de proxectos para optimizar o rendemento do campo e o desenvolvemento da economía do rural galego. Como explicaron logo da sinatura protocolaria deste convenio, na avaliación das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego. Prestarase especial atención á viabilidade económica, a creación de postos de traballo, a posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e a innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.
A presentación de candidaturas pode realizarse dende hoxe mesmo ata o 27 de outubro nos rexistros da USC.
Premiados en anteriores edicións
Todos os premiados e premiadas dende 2000, data da primeira edición do premio, teñen en común á súa contribución á xeración de riqueza e emprego no entorno rural, a posta en valor dos produtos da terra, a innovación ou a recuperación de certos sectores agrícolas ou gandeiros.
Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP TerneraGallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010), a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011) ou a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) (2016).
Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014. O grupo empresarial galego Agroamb, que atopa a súa sede empresarial no concello lugués de Castro de Rei, resultou merecedor do premio na edición de 2015.