Arias considera que Deputación é a que dilata o procedemento de compra da Torre de Caldaloba

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, saíu ao paso das declaracións realizadas desde a área de Cultura da Deputación Provincial e explicou que o Goberno galego non evacuou ningún informe en relación coa Torre de Caldaloba, en Cospeito, porque non houbo ningunha comunicación ao respecto debido a un erro na tramitación do xulgado, que xa foi posto de manifesto no día de hoxe.
Explicou que a notificación xudicial correcta recibiuse o pasado venres ás 14,00 horas polo que, agora si, os servizos xurídicos da Xunta poderán contestar seguindo o procedemento habitual.
Arias rexeita as acusacións sobre supostas dilacións no procedemento, “principalmente porque a esta situación, agora xudicializada, chégase pola actitude e actuacións da propia Deputación de Lugo, que foi quen solicitou o aprazamento do proceso xudicial na audiencia previa, onde xa se podía haber chegado a un acordo e dar a razón á Xunta neste procedemento, como parece que agora fai”.
Nesta liña, lembrou que a interferencia do Goberno provincial no proceso de compra do Ben de Interese Cultural foi en todo momento “irregular”, saltándose o procedemento legalmente previsto. “Todo se reduce a un sen sentido, tanto no primeiro momento, cando se propoñen adquirir só o 50% da Torre e había un expediente expropitario do Concello de Cospeito para conseguir o 100% da propiedade, como agora, atrasando o fin do procedemento xudicial aberto”.
O delegado considera que a Deputación segue mentindo e intentando politizar este proceso, “co descaro ademais de pedir á Xunta que se comprometa coa protección da Torre, cando foron eles os que se saltaron o procedemento legal e dilataron o proceso desde o inicio”. A Xunta, dixo, está a actuar en todo momento dentro da lei, co obxectivo de recuperar o ben e poñelo en valor.